A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo en Santiago de Compostela unha nova xuntanza por videoconferencia cos integrantes da mesa do Diálogo Social de Galicia (Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UXT e CC.OO) na que propuxo para incluír no Pacto de Estado contra a violencia de xénero novas medidas para apoiar e garantir o acceso ao mercado de traballo das mulleres que sofren violencia machista.
Lorenzana considerou que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan unha maior estabilidade persoal, social e laboral. Para a titular de Emprego e Igualdade o emprego é a porta que lles vai permitir saír do círculo da violencia e lograr esa independencia económica e persoal necesaria para rachar o vínculo co seu agresor e lograr a súa plena recuperación.
Así, puxo en valor que por primeira vez se debata no seo do Diálogo Social as medidas do Pacto de Estado, xa que explicou que é unha ferramenta clave no traballo conxunto cara a integración da igualdade das mulleres e homes de xeito transversal en todas as políticas de emprego, da perspectiva de xénero no eido laboral e do establecemento conxunto de liñas de acción para a mellora da situación laboral das mulleres en xeral, e das que sofren violencia de xénero en particular. Así, indicou a importancia que ten abordar no seo do Diálogo Social as medidas do Pacto do Estado contra a violencia de xénero vinculadas co emprego.
Entre as novas medidas que se propón destacan axudas dirixidas a empresas para o fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, así como a entidades sen ánimo de lucro para promover a contratación das mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as vítimas de violencia sexual e as mulleres en contextos de prostitución.
Así mesmo, inclúese na proposta apoios para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres que sofren violencia machista que para facer efectiva a súa protección e mediando un contrato laboral deban trasladar a súa residencia habitual a outra localidade. A Consellería de Emprego e Igualdade aposta tamén polo deseño e posta en marcha dun Plan de formación en igualdade e tratamento da violencia de xénero dirixido aos empregados públicos das oficinas de emprego de Galicia ao ser o canle primeiro dos programas de inserción laboral das vítimas violencia de xénero. Tamén se propón a actualización da convocatoria de axudas para o fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero.
Estas novas medidas sumaríanse á liña de axudas que xa ten en marcha a Consellería de Emprego e Igualdade dirixida a entidades locais para o fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero. A convocatoria deste año publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado mes de xaneiro. Esta iniciativa convocouse por primeira vez en 2019 e desde entón un total de 135 mulleres acadaron un contrato de traballo. Se temos en contra este programa e outros dependentes da Secretaría Xeral da Igualdade que favorecen a inserción laboral, o número de mulleres que accederon ao mercado de traballo ascendería a preto de 170.
Balance Pacto de Estado
Na xuntanza tamén se fixo un balance das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero executadas ao longo de 2019 (os datos de 2020 disporanse no primeiro trimestre deste ano). Galicia xa ten executadas 66 das 118 medidas encomendadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o período 2018-2022. As actuacións practicadas en 2019 supoñen preto do 60% do total das programadas para os cinco anos, polo que Lorenzana indicou que “Galicia é pioneira na execución deste Pacto”. A Xunta prevé acadar o horizonte co 100% de cumprimento dos obxectivos coa implicación e esforzo de todos os seus departamentos, que traballan na asistencia ás mulleres vítimas e aos seus descendentes menores de idade.
Para dar cumprimento aos seus obxectivos, a Comunidade galega conta con cerca de 40 millóns de euros repartidos en cinco anualidades que recibe do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, sobre oito millóns por anualidade. Entre as medidas incluídas atópanse accións para a sensibilización e prevención da violencia, a coordinación na resposta institucional ás vítimas -con especial vixilancia para os seus descendentes menores de idade-, configuración de estatísticas ou visibilidade doutras formas de violencia que poden afectar ás mulleres.
Galicia tamén ofrece a través do Pacto do Estado un apoio integral a menores que quedaron orfos por mor dos actos de violencia machista, dá cobertura económica e social ás vítimas gravemente feridas, organiza quendas de garda para a atención psicolóxica e social e conta con traballadores sociais nas sete oficinas de atención ás vítimas dos xulgados galegos.
As actuacións do Pacto permitiro dirixir axudas específicas a 131 entidades locais, a 113 asociacións de nais e pais de centros escolares, a 102 asociacións de mulleres e promover un programa de fomento da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero para entidades locais e empresas forestais e agrogandeiras, con máis de sesenta mulleres incorporadas ata o momento.