A novena edición da Ourense ICC Week, que baixo a organización da Deputación se celebrará do 17 ao 23 de abril nunha ducia de localizacións da cidade e da provincia, ofrecerá ao público máis de vinte propostas para coñecer as últimas tendencias da industria e da creación cultural. Un amplo programa de actividades que abordarán desde a perspectiva cultural aspectos tan variados como a intelixencia artificial, a ilustración, ciencia, a estrea de producións audiovisuais, música, moda, radio, o emprendemento no rural e ata os camiños de Santiago.
“Ourense vai ser o epicentro do debate de tendencias e da innovación”, afirma o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que pon o foco nos persoeiros das industrias culturais e creativas que se achegarán á provincia: “Nomes suficientemente atractivos, como en todas as edicións que levamos realizadas, tanto para o público en xeral como para os creadores de opinión”. Manuel Baltar felicitou ao coordinador da ICC Week, Juan Rivas, por un evento que “dá visibilidade a Ourense e permite acrecentar esa imaxe de provincia novidosa, con retos ambiciosos neste século XXI, no que temos moito que demostrar”.
Pola úa banda, Juan Rivas sinala que esta novena edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas “permitirá coñecer a grandes referentes en temas de especial actualidade como por exemplo a intelixencia artificial, o lanzamento musical de grandes estrelas ou como convive a cultura tradicional cos novos medios”.
A pegada da Intelixencia Artificial na sociedade
Co Observatorio Astronómico Trevinca (A Veiga) como imaxe do cartel desta novena edición, a Ourense ICC Week 2023 desenvolverase nunha ducia de localizacións. O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá a meirande parte das actividades, que se celebrarán ademais no Teatro Principal; na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde; na Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI); na localidade de Senderiz, en Lobeira; no CIFP da Farixa; e os xardíns Padre Feijoó da capital.
Tal e como destaca Juan Rivas, entre as novidades deste ano figura o tratamento da Intelixencia Artificial e as súas aplicacións na sociedade actual. Para abordar esta cuestión contarase cunha persoa de referencia como Gemma Galdón, ademais doutros expertos como Manel Sanromá, José María Lassalle e Alba Meijide, que se darán cita na Escola Superior de Enxeñaría Informática o vindeiro 20 de abril a partir das 12,00 horas. Da tecnoloxía pasarase á ciencia como motor de desenvolvemento a través da visión dun experto como José Manuel Nieves, colaborador habitual do programa de televisión Cuarto Milenio (19 de abril, Valcárcel, 19,00 horas).
A creatividade na moda, na ilustración e nos influencers
A creatividade ten múltiples facetas, algunhas das cales se tratarán nesta semana de actividades. Entre elas figura a moda e a economía creativa coa participación dun deseñador de renome como Modesto Lomba; o encargado de vestiario das Tanxugueiras no Benidorm Fest, Jorge Álvarez; e a consultora en moda e sostibilidade Charo Izquierdo. Este encontro, “A moda e a economía creativa”, celebrarase no Marcos Valcárcel o 18 de abril a partir das 20,00 horas e será moderado pola directora xeral da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Pepa Bueno.
Outra das citas será co mundo da ilustración, a través do director de arte de Carolina Herrera e Purificación García, Gonzalo Muiño (o mércores 19 de abril a partir das 10,00 horas na Faílde); haberá espazo para falar de emprendemento no rural con Edo Savikovic e María Rodríguez, promotores do proxecto Sende, actividade que se celebrará o xoves 20 na localidade de Senderiz, no concello de Lobeira; e o humorista e influencer Xurxo Carreño analizará no Marcos Valcárcel (20 de abril, 19,00 horas) os desafíos dos influencers culturais nos medios tradicionais. Precisamente un medio tradicional como a radio terá un particular protagonismo coa emisión desde o Teatro Principal do programa de Onda Cero Más de uno, que dirixe e presenta Carlos Alsina. A cita será o venres 21 de abril a partir das 06,00 horas.
Concertos e conversas sobre o mundo da música
A música, como en edicións anteriores, terá o seu protagonismo particular tanto en concertos como na presenza de especialistas de renome que ofrecerán a súa particular visión deste mundo. Así, o presidente de Sony Music España, José María Barbat, falará o mércores 19 (Marcos Valcárcel, 12,30 horas) sobre o lanzamento e éxito internacional de artistas como C. Tangana ou Rosalía; Marta Fierro, máis coñecida como Eme DJ, abordará o mundo dos disc-jockeys nunha conversa que manterá o venres 21 ás 11,30 horas no CIFP da Farixa; e o Foro La Región convidará o venres 21 (20,00 horas no Marcos Valcárcel) a coñecer un caso de éxito radiofónico como Rock FM, coa presenza do coñecido xornalista e produtor Vicente “Mariskal”, o xefe de produto da emisora, Jorge Vileilla, e o director de Rock FM, Rodrigo Contreras.
Outro referente da música española como José María Guzmán, líder de Cadillac e membro da mítica banda Cánovas, Rodrigo, Adolfo y Guzmán, ofrecerá un acústico na xornada inaugural do vindeiro luns, 17 de abril (21,30 horas, Marcos Valcárcel). Será o primeiro dos cinco concertos programados na ICC Week, cunha sesión matinal de sábado -22 de abril, a partir do mediodía- moi especial grazas á presenza nos xardíns do Padre Feijoó de Vera Fauna, Amparo Sánchez e The Limboos.
Producións audiovisuais: Agua soy e Honneymoon
Aínda que tamén no capítulo musical cómpre mencionar o concerto que ofrecerán o martes 18 de abril no Teatro Principal (21,30 horas) os músicos Teo Cardalda e Soledad Giménez, cita que estará precedida pola estrea do videoclip grabado en Ourense Agua soy, un tema composto polo fundador de Golpes Bajos e Cómplices. O videoclip, que percorre zonas de provincia vinculadas á auga e o termalismo, contou na súa produción coa colaboración da Deputación de Ourense no marco do seu Bicentenario.
Tamén no Teatro Principal, o xoves 20 de abril (20,30 horas) terá lugar a Premier galega da película Honeymoon, dirixida polo coruñés Enrique Otero e protagonizada por Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, que acudirán a Ourense para participar na estrea deste thriller dramático con tintura de humor negro patrocinado pola Deputación e que conta a historia dunha nai e dun pai que, sen recursos suficientes, buscan como repatriar o cadáver do seu fillo desde os Estados Unidos.
Análise da xestión cultural e deportes electrónicos
O público da ICC Week terá a oportunidade de achegarse ao mundo da cultura a través de diferentes perspectivas, como por exemplo a aportación deste sector ao desenvolvemento do territorio, unha cuestión que se abordará na inauguración da novena edición deste encontro, o 17 de abril (20,00 horas), na que participarán o director artístico do Museo Picasso de Málaga, José Lebrero; o director do Festival de Cine de Málaga, Juan Antonio Vigar; e a xestora cultural Cecilia Pereira. Ademais, o director do programa de xestión cultural da Universidade de Barcelona, Lluís Bonet falará o venres 21 no Centro Cultural Marcos Valcárcel (18,00 horas) de política cultural e xestión de públicos.
Neste apartado figura tamén a entrega do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural, que na súa edición de 2023 recaeu na Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que este ano cumpre medio século transformando a Ribadavia na capital do teatro galego. Estes premios entregaranse no Valcárcel o venres 21 de abril, a partir das 19,00 horas.