Cooperación

Novo aparcadoiro no encoro de Cachamuíña

A Deputación de Ourense incorpora un novo aparcadoiro con 62 prazas para os usuarios da área natural de Cachamuíña.

Óscar Gómez

Ourense | 24.01.2022 08:03

Novo aparcadoiro no encoro de Cachamuíña
Novo aparcadoiro no encoro de Cachamuíña | onda cero
Novo aparcadoiro no encoro de Cachamuíña

A Deputación de Ourense vén de incorporar un servizo máis á contorna do encoro de Cachamuíña, coa apertura dunha nova zona de aparcadoiro ao carón da estrada provincial OU-508, dotada con 62 prazas –catro delas para persoas con mobilidade reducida-. O espazo está acondicionado para dar resposta á crecente afluencia de cidadáns que, utilizando os seus vehículos particulares, achéganse ata esta área natural do concello de Pereiro de Aguiar. Este espazo supón triplicar o espazo dispoñible para aparcar no entorno do encoro.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou este domingo o novo aparcadoiro acompañado polo alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e o presidente da comunidade de montes de A Chaira, Emilio Pato. Precisamente, Baltar expresou a súa satisfacción pola posta en marcha desta infraestrutura, apoiada na colaboración veciñal. “Temos que agradecer a sensibilidade e a cooperación da comunidade de propietarios do monte comunal da Chaira -unha auténtica xoia que pode ser un emblema de Galicia-, que en abril do pasado ano cedeu estes terreos por un período de trinta anos”. Emilio Pato remarcou a sintonía da comunidade de montes: “Estamos encantados de ceder este terreo. É un aparcadoiro para a xente, un beneficio para o noso pobo e os visitantes”.

O aparcadoiro, sinalou Manuel Baltar, “contribuirá a seguir convertendo a contorna deste encoro no gran pulmón verde da capital ourensá e un lugar de referencia de natureza, saúde, deporte e lecer”. O presidente provincial sinalou a importancia deste servizo: “É outro paso máis do encoro, un proxecto provincial. Entronca no que falamos esta semana en Fitur; a Marca Ourense. Natureza, gastronomía, patrimonio…”. Manuel Baltar remarcou a “capacidade propositiva” de Luis Menor. Nesta liña, o aparcadoiro súmase a outras iniciativas desenvolvidas pola Deputación en colaboración co Concello de Pereiro de Aguiar, entre as que se atopan o parque infantil, a área de calistenia, o Parque da Igualdade, ou unha parcela de 17.000 metros cadrados cedida en xuño de 2021 pola Fundación Cumlaude “que podería converterse nun lugar moi especial para que os novos artistas ourensáns unan aquí a arte e a paisaxe”.

Unha zona que xa no verán deste mesmo ano experimentará un novo pulo coa prevista inauguración das piscinas do parque acuático de Monterrei e na que, avanzou Manuel Baltar, tamén irán tomando forma outros proxectos como un parque de mascotas ou unha nova pasarela de plena accesibilidade que substituirá á actual, situada na cola do encoro.

Cooperación entre a Deputación e o Concello de Pereiro de Aguiar

Pola súa banda, o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, agradeceu ao presidente da Deputación a súa disposición “a escoitar en todo momento as propostas que lle fixemos e lle faremos para seguir ofrecendo máis e mellores servizos á cidadanía nesta área natural”. Luis Menor resaltou que este aparcadoiro é un equipamento clave: “Vamos pechando o círculo dos elementos prometidos para desfrutar do encoro. O Parque da Igualdade, as melloras dos accesos, o parque infantil… e agora necesitamos servizos. Este aparcadoiro é fundamental, un servizo clave”.

A cooperación institucional, sinalou o rexedor de Pereiro, “axúdanos a dinamizar un concello en pleno crecemento, como tamén fixemos acondicionando o acceso desde a capitalidade do municipio ata o encoro grazas á colaboración da Xunta”. A cooperación pública, destacou, “que tamén favorece cos seus proxectos o desenvolvemento de iniciativas privadas, como o complexo turístico das cabanas do mirador de Cachamuíña”.