O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na inauguración do novo centro de día de Riós, cofinanciado entre a institución provincial, a Consellería de Política Social -a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar- e o Concello de Riós. Na inauguración tamén interviron o alcalde do municipio, Francisco Armando Veiga e o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, dentro dun acto ao que asistiu o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, así como concelleiros e alcaldes da comarca e varias decenas de veciños.
Manuel Baltar encadra este novo servizo público na cooperación entre administracións, piar da Deputación, e a acción de goberno do propio alcalde de Riós: “Os proxectos de Francisco Armando Veiga son estes. Pensalos, idealos, soñalos e facelos. É un orgullo estar hoxe aquí, representando ademais a unha institución que cumpre 200 anos e que ten no seu ADN á cooperación, unha palabra que hoxe é máis necesaria que nunca. E a vista están os resultados desta cooperación, poñer á disposición da veciñanza unha infraestrutura deste nivel, para prestar un servizo público esencial para os nosos maiores”.
O presidente da Deputación pon en valor a aposta polos servizos públicos: “Abrir un centro destas características é unha magnífica nova non so para Riós senón para toda a provincia. Dentro do esquema da Deputación de axuda aos concellos, os servizos sociais son prioritarios. O amosamos sempre, pero fundamentalmente nestes tempos, coa pandemia e agora coa complicada situación internacional”. Baltar resalta que coa “axuda de todos, coa cooperación das administracións, seguiremos facendo Riós, facendo Ourense e facendo Galicia”.
O alcalde de Riós resaltou a importancia deste novo servizo, “unha infraestrutura que axudará aos nosos maiores a vivir, se cadra, con máis dignidade. Este é un edificio precioso, que reforza unha cuestión decisiva para este Concello, a atención aos nosos maiores”.
Pola súa banda, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar lembrou que “a cooperación entre administracións públicas é a mellor forma de prestar servizos aos veciños”. Perfecto Rodríguez recoñeceu o traballo do Concello de Ríos a prol desta infraestrutura, destacou que a Xunta é “consciente da realidade dos concellos pequenos, da súa necesidade de dar servizos públicos” e resaltou o traballo da Deputación: “Esta institución provincial ten unha aposta permanente de colaboración cos concellos, especialmente os máis pequenos, para que os veciños poidan ter máis e mellores servizos”.
Unha inversión pública de 576.000 euros
Para culminar o proxecto, a Deputación achegou 250.000 euros, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar destinou unha partida de 200.000 euros e o Concello de Riós, 78.000 euros. Ademais, dende a administración autonómica destináronse outros 48.000 euros para o equipamento dunha infraestrutura que supón unha inversión pública global de 576.000 euros. O novo centro de día ten capacidade para atender a un máximo de 30 usuarios, dispón dunha superficie máxima superior aos 500 metros cadrados e conta con diferentes espazos, coma unha sala de rehabilitación, outra de carácter polivalente, comedor, salas comúns e cociña.
Recoñecemento de Manuel Baltar ao alcalde de Riós
O alcalde, que deixara o cargo no próximo pleno tras 29 anos ao fronte do Concello de Riós, recibiu o aplauso das autoridades e veciños presentes no acto. “Creo que é hora de dar o relevo, é o momento de deixar o cargo en mans de persoas máis xoves e preparadas”, sinalou Francisco Armando Veiga. O presidente da Deputación resaltou na súa intervención a traxectoria do rexedor: “Poucos coñecen tan ben coma el o que é ser alcalde. Trinta anos gobernando, trinta anos de traballo, de compromiso e de visión. So teño palabras boas, traballar con el é magnífico. E a Deputación seguirá cooperando con Riós con proxectos como o Centro da Castaña, que seguro será un referente do noso rural”.