Saúde

Novo centro de saúde de Muiños

O centro contará con consultas de medicina xeral e de enfermaría, área de respiratorios, un espazo cuberto para a ambulancia e recepción con zona de espera.

Óscar Gómez

Ourense | 25.04.2023 07:53

Novo centro de saúde de Muiños
Novo centro de saúde de Muiños | onda cero

A Xunta vén de adxudicar o contrato de redacción do proxecto do novo centro de saúde de Muíños. O contrato, adxudicado á empresa Castroferro Arquitectos SCP por un importe de preto de 55.000 €, asinarase nos vindeiros días para, a continuación, iniciar xa a redacción do proxecto. O obxectivo do contrato é definir unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa concepción construtiva e de instalacións.

O investimento estimado polo Goberno galego para execución do novo centro de saúde é de máis de 786.000 euros, se ben o orzamento final quedará concretado coa redacción do proxecto. A intervención enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Muíños. En desenvolvemento do mesmo, o Concello puxo á disposición da Xunta unha parcela de 800 m2 para construír o centro de saúde.

A parcela sitúase nunha zona próxima ao núcleo de Mugueimes, onde xa existe na actualidade outro centro de saúde. A situación está próxima á Casa do Concello, ao campo de fútbol, á Residencia de Maiores “Virxe da Clamadoira”, á farmacia e a todos os equipamentos públicos e privados do concello de Muíños.

Características técnicas

En canto ás características do novo centro de saúde, trátase dun edificio cunha superficie 412,78 m2 construídos. A implantación proposta adáptase á parcela, que está en pendente, para obter unha relación equilibrada entre os traballos de recheo e desmonte e para que o espazo non ocupado polo centro de saúde quede integrado dentro do mesmo. Neste sentido, o volume da asistencia sanitaria retranquéase lixeiramente da aliñación para que as fachadas de maior altura non se eleven inmediatas á beirarrúa.

Os usos distribúense de maneira esquemática formando unha U. No centro sitúanse a zona de recepción e servizos. A área oeste destínase aos usos de asistencia sanitaria, mentres que ao leste, contra pendente e nunha zona máis privada, sitúanse as instalacións e a área de persoal.

Todas as consultas oriéntanse cara ao oeste, sendo a fachada con maior altura con respecto ao terreo. A sala polivalente de respiratorios sitúase inmediatamente próxima á recepción, con zona de espera e aseo propio conectado coa consulta.

O edificio deseñarase con materiais que priman a integración e a funcionalidade. Así, nos corpos extremos, optarase por unha cuberta inclinada de zinc que acompaña a pendente do terreo, pola súa durabilidade e escasa necesidade de mantemento. No corpo central, usarase unha cuberta vexetal polo seu bo funcionamento enerxético e pola maior sostibilidade, retendo auga de chuvia e axudando a purificar o aire. O acabado exterior combinará materiais durables, como formigón, aceiro e aluminio.

A solución para a compartimentación interior resolverase mediante carpintería de madeira, que permite dotar dun aspecto cálido máis amable para o usuario, así como unha funcionalidade acústica adecuada.