Sanidade

Novo equipo PET na área de medicina nuclear do hospital de Ourense

O Executivo galego ten previsto que desde o vindeiro mes xa comecen a realizarse probas con este novo equipamento, un servizo que evitará que os pacientes da provincia de Ourense teñan que desprazarse ata Vigo

Óscar Gómez

Ourense | 26.10.2023 08:45

Novo equipo PET na área de medicina nuclear do hospital de Ourense
Novo equipo PET na área de medicina nuclear do hospital de Ourense | onda cero

Acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial; o conselleiro explicou que mediante a xestión dos fondos europeos Next Generation o goberno galego decidiu “apostar polo equilibrio territorial e a equidade no acceso á alta tecnoloxía da sanidade pública galega”.

Así, no eido da Medicina Nuclear adquiriu senllos equipos tomográficos PET para os centros hospitalarios de Lugo e Ourense, o que permitirá unha diagnose máis precisa nos procedementos oncolóxicos ou de neuroloxía.

A chegada da tecnoloxía PET ao Hospital de Ourense requiriu do deseño e construción dunha nova área de Medicina Nuclear para este centro hospitalario. Esta obra finalizou xa os espazos do PET e continuará en 2024 coa área na que se instalarán as dúas gammacámaras adquiridas tamén pola Xunta este ano e que están instaladas de xeito provisional na planta baixa do edificio Santa María Nai.

Polo tanto, a Xunta de Galicia complementou os fondos europeos Next Generation que permitiron adquirir o PET (1,5 millóns) e as dúas gammacámaras (1,4 millóns) coa execución dunha obra que ascende ata os 2,8 millóns de euros. Así, unha vez rematadas as obras e a instalación destes equipos, a Xunta terá investido 5,7 millóns de euros neste novo servizo de Medicina Nuclear.

30 millóns de euros para o hospital de Ourense en 2024

Durante a visita, o responsable da Sanidade galega avanzou que o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024 conta cunha partida económica de case 30 millóns de euros para o complexo hospitalario ourensán.

En concreto, precisou que “con estes fondos continuaremos as obras do novo edificio de hospitalización e materno-infantil, remataremos esta área de medicina nuclear, instalaremos un novo acelerador intraoperatorio, e acometeremos as reformas das áreas de cardioloxía e radioloxía intervencionistas, nas que terán a súa localización definitiva os equipos de hemodinámica e neurorradioloxía adquiridos este ano”.

Deste xeito, e xunto coa obra da nova UCI e a renovación doutros equipos, durante a presente lexislatura o Goberno galego investiu máis de 80 millóns de euros no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, unha contía económica que incide no compromiso do Executivo galego por mellorar as infraestruturas e os servizos asistenciais en Ourense.