Cultura

Novo espazo para exposicións no Pazo Provincial

O corredor do primeiro andar do edificio acollerá ao redor de tres mostras anuais para dar a coñecer o traballo creativo de artistas afincados na provincia.

Óscar Gómez

Ourense | 10.01.2024 12:05

Novo espazo para exposicións no Pazo Provincial
Novo espazo para exposicións no Pazo Provincial | onda cero

A Deputación de Ourense vén de abrir un novo espazo expositivo no Pazo Provincial, habilitando o corredor do primeiro andar para dar a coñecer o traballo creativo de artistas afincados na provincia. A exposición “Pinturas Diversas” de Leandro Sánchez é a primeira mostra que ocupa esta nova zona de exposicións, que acolle a través de 40 obras unha mostra da evolución artística do pintor durante os máis de vinte anos que reside en Ourense.

O presidente provincial, Luis Menor; o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González; e o autor de “Pinturas diversas” visitaron esta mostra, que Menor calificou “de extraordinaria oportunidade para poñer en valor o Pazo Provincial como un novo espazo expositivo centrado nos artistas afincados na provincia”. Precisamente, Leandro afirmou que se trata “dunha gran iniciativa cultural para promocionar aos artistas ourensáns -e aos que vivimos aquí aínda que non sexamos ourensáns- para que tanto os traballadores desta institución como a xente que a visita, poida contemplar as obras de artistas coma min”.

“Pinturas diversas” estará exposta ao redor de 4 meses ao longo de toda a primeira planta do Pazo Provincial, e o obxectivo é, declarou como dixo Francisco González, expoñer ao redor de tres mostras diferentes durante o ano.

Leandro Sánchez (Palma de Mallorca, 1946) é un artista, pintor e restaurador asentado desde hai anos en Ourense. Dedicou gran parte da súa vida á restauración, especialmente no ámbito relixioso. Nos últimos anos a pintura tomou máis protagonismo na súa dedicación artística, combinando o realismo e a figuración coa arte abstracta. Con numerosas exposicións no seu haber, a obra de Leandro Sánchez forma parte de coleccións públicas e privadas de numerosas cidades e países, tanto europeos como americanos.