A obra A Raíña Loba, de Manuel Seoane, relato infantil sobre a tradición ancestral limiá
Esta é a primeira publicación, produto do convenio asinado entre a Deputación de Ourense e as citadas asociacións limiás
A Deputación de Ourense suma neste ano 2020 unha nova publicación, editada en colaboración co Centro de Cultura Popular do Limia e o Museo da Limia, A Raíña Loba, un relato infantil do que é autor Manuel Seoane e que deron a coñecer o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o presidente da Asociación cultural Padroado do Museo Etnolóxico da Limia, Delfín Caseiro e o propio autor, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia.
O libro conta coas ilustracións de Moisés Míguez, orientado polos seus profesores da Escola de Arte “Antón Faílde”, Carmen Lage e Luis Carreira, e co deseño e maquetación de Tonho Ferreiro, tamén profesor na “Faílde”. No relato sobre a lenda da Raíña Loba, o texto de Seoane, recolle e interpreta a tradición oral sobre os feitos acontecidos nun tempo incerto nese agreste e mítico territorio entre os concellos de Os Blancos e Baltar.
A Raíña Loba é a terceira entrega de libros infantís ilustrados sobre as lendas da Limia que edita o Centro de Cultura Popular do Limia, neste caso en colaboración co Museo da Limia, e da Deputación de Ourense. Os anteriores foran A Lenda da Lagoa de Antela, de Delfín Caseiro, e O Paso do Esquecemento, de Antón R. Coello.
Esta é a primeira publicación, produto do convenio asinado entre a Deputación de Ourense e as citadas asociacións limiás, que inclúe catro publicacións específicas relacionadas coas Terras da Limia e a edición anual da revista “LETHES. Cadernos culturais do Limia”, durante os vindeiros catro anos. Nos vindeiros días tamén concluirá a dixitalización da Biblioteca da Limia, que forma parte do Museo da Limia, cuxos traballos tamén están incluídos no citado convenio.