A Concellería de Educación do Concello de Ourense, coa colaboración da Dirección General de Tráfico e a Garda Civil de Ourense, iniciou esta mañá no IES Ferro Couselo un ciclo de sesións formativas e obradoiros de seguridade viaria sobre factores de risco na mocidade: alcohol e drogas, dirixido a alumnado de Secundaria, Bacharelato e Ciclos formativos da cidade.
Esta é unha actividade teórico – práctica que ten como obxectivo concienciar a mocidade sobre os efectos do alcohol e das drogas, non só na condución de vehículos senón tamén nas condutas peonís. Na parte formativa, abórdanse factores de risco na mobilidade segura, como o alcohol e as drogas. Nos obradoiros, utilízanse etilómetros e drogo-tests, gafas de simulación de alcol e drogas.
A primeira xornada desenvolveuse esta mañá no IES Ferro Couselo e contou coa asistencia da concelleira de Educación, Tamara Silva, a xefa de sección de Seguridade Viaria da DGT, Estrella Garrido, e o tenente da Agrupación de Tráfico da Guardia Civil de Ourense, Juan Carlos Nogueiras. Os obradoiros contarán coa participación de 600 alumnos e alumnas de 4º da ESO, Bacharelato e Ciclos formativos de 11 centros de ensino da cidade.