Ourense Provincia

Obras de abastecemento e saneamento en Ribadavia

A Xunta e a Deputación asumirán o 80% do coste total da iniciativa, o que supón que cada administración achegará 263.000 euros para executar un proxecto cuxo importe total ascende aos 655.180,39 euros.

Óscar Gómez

Ourense | 10.02.2023 08:17

Obras de abastecemento e saneamento en Ribadavia
Obras de abastecemento e saneamento en Ribadavia | onda cero

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia cooperarán na cofinanciación das obras de abastecemento e saneamento na Groba e As Chabolas, no concello de Ribadavia. A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia asumirán o 80% do coste total da iniciativa, o que supón que cada administración achegará 263.000 euros para a execución dun proxecto cuxo importe total ascende aos 655.180,39 euros.

Con esta actuación, a Deputación avanza no reforzo dos servizos públicos en toda a provincia de Ourense, colaborando neste caso coa extensión da rede municipal de abastecemento e saneamento de Ribadavia ata estas localidades que, a día de hoxe, non estaban conectadas coa rede municipal.

O vicepresidente provincial e responsable dos asuntos de colaboración ca comarca do Ribeiro resalta a importancia desta actuación, coa que “preto de 150 veciños destas localidades do concello de Ribadavia terán garantido o abastecemento de auga ao conectarse á rede municipal”. César Fernández trasladou á alcaldesa que na modificación de crédito do mes de febreiro, o goberno provincial xa incorporará os 263.000 euros correspondentes a súa achega a esta iniciativa de abastecemento e saneamento.

Ademais, o vicepresidente provincial tamén avanzou a Noelia Rodríguez o compromiso da Deputación de achegar 10.000 euros para a organización da LX Feira do Viño do Ribeiro, e destinar outros 181.712 euros para, dentro do plan de mellora das vías provinciais, reparar un talud na estrada OU-0305, no entorno do punto limpio da Foz, en Ribadavia.