A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación das obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade en catro hospitais da provincia de Ourense, cun investimento da Xunta de preto de 455.000€.
Vázquez Mourelle, xunto ao delegado Territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, a directora asistencial da Área Sanitaria, Mar Vázquez, e a e a subdirectora de Recursos Económicos, Dolores Durán, presentou esta mañá no Complexo Universitario Hospitalario de Ourense estes novos investimentos para seguir mellorando os equipamentos sanitarios desta cidade e tamén de varios hospitais da provincia.
Na presentación, a conselleira concretou que o obxectivo das novas intervencións é reforzar a seguridade viaria, favorecer a mobilidade peonil e mellorar os firmes do Hospital Universitario de Ourense, pero tamén doutros 3 hospitais da provincia: do edificio hospitalario de Piñor, en Barbadás; e dos hospitais públicos de Verín e de Valdeorras.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade precisou que para favorecer os desprazamentos a pé se executarán novas beirarrúas e ampliaranse as actuais, dispoñendo pasos peonís elevados e ramplas que favorezan os desprazamentos de persoas en cadeira de rodas. Tamén, na contorna do complexo hospitalario de Ourense, disporase pavimento podotáctil para facilitar a mobilidade das persoas con dificultades de visión.
Ademais, segundo dixo, mellorarase a seguridade, reforzando a visibilidade dos pasos de peóns, reordenando os accesos e servizos e creando espazo para paradas de autobús, que permitirán tamén maior fluidez na circulación. Ao tempo, habilitaranse áreas de aparcadoiro reservado para ambulancias, para vehículos autorizados e para motos.
De xeito máis global, Ethel Vázquez, subliñou que os traballos nos 4 centros hospitalarios da provincia irán destinados á mellora da seguridade e accesibilidade a través de itinerarios peonís cómodos e seguros, ademais da rehabilitación do firme nos lugares con maior deterioro, e da renovación da sinalización.
As empresas interesadas nos traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 2 de novembro. A partir desa data, segundo explicou a conselleira, continuarase coa tramitación co obxectivo de iniciar as obras a principios de 2022 para a súa execución nese mesmo ano, xa que os traballos teñen un prazo de 6 meses.
Esta licitación dá continuidade aos traballos de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levados a cabo con anterioridade no complexo hospitalario da cidade. No ano 2016, de urbanización dos accesos ao lateral este, coa execución de dúas novas vías, cun investimento de máis de 1,3 M€; e a mellora do firme e reordenación do espazo nos accesos principais aos 2 centros deste complexo, executadas en 2019, cun investimento de 47.000 €.
Ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense
A titular de Infraestruturas tamén se referiu ao traballo da Xunta para a ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, que suporá un investimento da Xunta de case 52,6 M€.
Avanzou que se está coa valoración das ofertas recibidas para proceder á adxudicación das obras, co obxectivo de poder inicialas a finais deste ano. As obras prevén tres intervencións: a construción dun novo edificio de hospitalización, a reforma do actual Hospital Materno Infantil e a mellora dos accesos.
A conselleira destacou que a ampliación permitirá poñer á disposición dos veciños de Ourense unha área pediátrica con 38 camas, área de neonatoloxía, con UCI pediátrica; e zonas de urxencias pediátricas e obstétricas. Tamén disporá doutros servizos como área de radioloxía, servizo de diálise e hospitalización obstétrica e convencional.
Ademais lembrou que onte mesmo se licitaron, por 9,4 millóns de euros, obras de reforma da UCI, que triplicará o seu espazo actual.
Ethel Vázquez salientou que todas as actuacións forman parte dun ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública de Ourense que, como xa avanzou o presidente da Xunta no mes de xullo, prevé investimentos por valor de 120 M€, tanto no eido hospitalario, como en atención primaria.