Infraestructuras

Obras de mellora en seguridade viaria na estrada OU-636 en Larouco

A intervención, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, ten un prazo estimado de 4 meses. Executaranse cunetas transitables e reforzarase a seguridade nos pasos de peóns nos núcleos de Larouco e da Caseta

Óscar Gómez

Ourense | 14.03.2022 11:13

Obras de mellora en seguridade viaria na estrada OU-636 en Larouco
Obras de mellora en seguridade viaria na estrada OU-636 en Larouco | onda cero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse ao concello de Larouco para comprobar, xunto coa alcaldesa, Patricia Lamela, o comezo das obras de mellora da seguridade e da accesibilidade da estrada OU-636, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste máis de 48.000 euros. Os traballos teñen un prazo de execución estimado de 4 meses

As obras desenvólvense na estrada OU-636 ao seu paso polos núcleos de Larouco e da Caseta e consisten na execución de cunetas transitables que conecten coas beirarrúas existentes, xunto coa adecuación aos requisitos de accesibilidade dos pasos peonís actuais.

No núcleo de Larouco executaranse tres tramos de cuneta transitable de formigón armado que suman unha lonxitude de 190 metros e conectarán coas beirarrúas actuais. Tamén se reforzará a accesibilidade nos pasos de peóns, dotando as beirarrúas de tramos en rampla e baldosas podotáctiles, ampliando a súa anchura nestes puntos para evitar o aparcamento na aproximación ao paso e mellorar a visibilidade.

No núcleo da Caseta construiranse dous tramos de senda-cuneta entre os puntos quilométricos 19+850 e 19+910. A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas, seguras e eficientes.