O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou Bande para supervisar o remate das actuacións realizadas no tramo urbano da estrada autonómica OU-540, no que se executou un proxecto de mellora da seguridade viaria cun investimento de máis de 726.000 euros, cofinanciado ao 50% pola Deputación e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Acompañado pola alcaldesa, Sandra Quintas; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; concelleiros e o equipo técnico responsable das obras; o presidente do goberno provincial puxo en valor “o resultado da cooperación da Deputación” nun proxecto que, dixo, “conta co beneplácito da veciñanza”.
Manuel Baltar recoñeceu a implicación da alcaldesa e do seu grupo de goberno con esta obra, demostrando así que “representan a un concello dinámico, áxil, con propostas e consciente da súa condición de capitalidade nunha das zonas máis importantes da provincia”, en referencia ao Xurés. Para o presidente do goberno provincial, o proxecto exemplifica “o que fomos quen de facer colaborando entre a Deputación, a Xunta e o Concello, acometendo un investimento a partes iguais que permitiu acompasar as nosas achegas coa visión que a alcaldesa ten do futuro deste concello”. Bande, engadiu, “está chamado a realizar grandes retos para os que contará sempre co apoio da Deputación”.
Gabriel Alén tamén felicitou á alcaldesa e á veciñanza pola conclusión duns traballos que ofrecen máis seguridade para peóns e tráfico, pero que ademais supoñen “a aposta por novos proxectos en colaboración coa Xunta, como a biblioteca, o mercado do Xurés, a área infantil de recreo, as iniciativas no parque natural, ou o futuro centro termal”, cuxo anteproxecto presentouse onte no salón de actos do concello. “Creo que ese e o modo de actuar, dando pasos firmes e traballando xuntos”, asegurou o delegado territorial.
Sandra Quintas expresou a súa satisfacción “por chegar ao punto final dunha obra que, grazas ás achegas da Xunta e da Deputación, permítenos ofrecer unha imaxe máis humanizada da vila, sendo como somos a porta de entrada á comarca da Baixa Limia e ao Xurés”. Pero, ademais, destacou, “unha travesía máis segura para a veciñanza, apostando por reducir a velocidade cunha plataforma única e uns materiais que transforman o centro da vila”.
Unha actuación prioritaria para a Dirección Xeral de Tráfico
En xullo de 2021 asinouse o convenio entre a Deputación de Ourense, a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Bande para executar este proxecto. Cun orzamento de 726.205 euros, Deputación e Xunta achegaron as súas respectivas contías en dúas anualidades: 127.000 euros no 2021 e 236.000 no 2022. Pola súa banda, o Concello asumiu o proceso de contratación e execución das obras.
A reforma da travesía, cuxo proxecto foi redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, correspóndese cunha proposta realizada no seu momento pola Dirección Xeral de Tráfico, que seleccionou esta actuación como prioritaria en Galicia. As obras incluíron a mellora da seguridade viaria nas interseccións, creando unha plataforma única nun destes cruzamentos, ademais de dar continuidade aos itinerarios peonís interrompidos.
O plan incidiu na redución da velocidade mediante o estreitamento de carrís e dando máis anchura ás beirarrúas, ademais de incorporar unha nova capa de firme. Xunto coa reordenación das zonas de aparcamento e a reforma das paradas de autobús, tamén se mellorou a accesibilidade aos pasos de peóns dotándoos dunha iluminación específica.