As obras do último tramo da liña ferroviaria de alta velocidade (LAV) entre Madrid e Galicia xa chegaron á cidade de Ourense. Grazas ao “sólido impulso e o compromiso inquebrantable” do Goberno central presidido por Pedro Sánchez e tras superar os “incontables desplantes e ataques do PP durante un lustro”, que quixo suprimir esta infraestrutura clave para toda a comunidade galega, os traballos de execución da plataforma “avanzan a bo ritmo desde hai semanas”, nas contornas dos núcleos de Seixalvo e Taboadela, confirman desde o PSdeG-PSOE.
O último tramo desta liña ferroviaria obtivo a declaración de impacto ambiental en 2011, gobernando o PSOE e ata o regreso dos e das socialistas á Moncloa foi agochado nun caixón polos conservadores. Permitirá completar a LAV, mediante un novo trazado de 16,9 quilómetros de dobre vía, atravesando os municipios de Tabodela, San Cibrao e Ourense e accedendo á estación da terceira cidade de Galicia polo leste, tras cruzar Montealegre mediante un gran túnel e os ríos Lonia e Miño con novos viadutos.
O trazado en obras supón o 50 % da lonxintude total. Arrinca antes da estación de Taboadela e inclúe, entre outras estruturas, un gran túnel ne Rante de 3,4 quilómetros e viadutos como o de Mesón de Calvos (408 metros); o do regueiro de San Benito (108 metros) e outro de 356 metros para salvar o cruzamento coa estrada N-525 e o río Barbaña. Tamén se executará en Seixalvo unha conexión da plataforma de alta velocidade coa liña convencional.
Obras da circunvalación norte
En vindeiros días tamén darán comezo as obras da circunvalación norte de Ourense, cun investimento de 29,3 millóns e un prazo de execución de dous anos e medio. O trazado desta autoestrada –unha das obras máis demandadas da historia da capital– terá a súa orixe no enlace 'Ourense norte' da A-52 e finaliza en Quintela, onde conectará coa N-120 á altura de Tarascón. A execución deste primeiro tramo de 1,7 quilómetros e doble calzada inclúe estruturas singulares como dous viadutos: un sobre a N-120 e a liña férrea a Vigo e outro sobre o río Porto.
Os e as socialistas tamén confirman que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) traballa na próxima licitación do segundo tramo desta autovía, rematando o trazado entre Quintela e o enlace da Casilla, onde conectará coa N-525, a N-120 e a futura autovía A-56.