O Concello de Ourense ofrece ioga termal na Burga de Canedo – Outariz durante todos os martes do verán. Esta actividade gratuíta, posta en marcha pola Concellería de Turismo e Termalismo, terá dúas sesións diarias: de 11:00 a 12:00 horas e de 20:00 a 21:00 horas. O rexistro e información poderase facer no seguinte teléfono: 693642837.
“Comezamos este martes 05 de xullo cunha actividade que facíamos de xeito puntual e que sempre gozou de gran aceptación, polo que a prolongamos durante todos os martes dos meses de xullo, agosto e setembro, coa fin de valorizar un espazo termal tan emblemático cunha actividade axeitada e saudable”, explica a concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure.
Método Wellness.
As sesións utilizarán o “Método Wellness”, desenvolvido especificamente para espazos termais. Formúlase a partir dunha mestura entre técnicas de ioga e termalismo, que crea unha sinerxía de beneficios para as persoas usuarias. Está enfocado como unha actividade realizada en grupo cuxo obxectivo principal é aumentar o benestar integral como garantía de calidade de vida.
A actividade consiste en mobilizar o corpo e estirar os músculos para eliminar tensións, mellorar a flexibilidade e conseguir que todo o corpo se atope mellor de xeito instantáneo, grazas tamén aos beneficiosos efectos das augas termais en articulacións, osos, músculos e pel. O Método tamén inclúe exercicios de respiración que amplían a capacidade pulmonar mellorando a osixenación. Finalmente, desenvólvense técnicas de concentración e relaxación para calmar a actividade mental, combater o estrés, equilibrar o sistema nervioso e crear un espazo de paz interior.