Ourense Cidade

Once empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de conservacion da Ponte Vella

A nova actuación correspóndese coa 2ª fase de posta en valor desta zona da cidade, e abarca a conservación da ponte e a mellora da contorna da Capela dos Remedios

Óscar Gómez

Ourense |

Ponte Romana de Ourense | Visita Ourense

Un total de once empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de conservación e humanización da contorna da Ponte Vella de Ourense, licitadas por algo máis de un 1 millón de euros.

Esta actuación correspóndense coa 2ª fase de posta en valor da Ponte Vella e abarcará a conservación da propia ponte e a mellora da contorna da Capela dos Remedios, acondicionando e ampliando o acceso á entrada lateral da ermida e substituíndo a varanda. Os traballos recollidos na licitación destas obras potenciarán as conexións peonís desde os distintos puntos da cidade cara a este conxunto patrimonial, coidando o mobiliario e creando un espazo para o lecer.

Ponte Romana Ourense | Onda Cero

O proxecto da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inclúe a liberación da zona que hoxe ocupa o parque de skate, construíndo un novo no Barrio do Couto, que contará cun circuíto de bicicletas (pump track) executado en zahorra e capa de rodadura asfáltica.

Estas intervencións permitirán dotar a cidade de Ourense dunhas instalacións axeitadas para unha práctica máis cómoda e segura desta actividade deportiva. O traslado deste parque tamén posibilitará acadar unha contorna ampla e aberta que servirá de antesala á Capela dos Remedios e como conexión coa Ponte.

Ademais habilitarase un miradoiro como novo atractivo turístico da cidade, desde o que poder observar o río Miño, a Ponte Vella e a Capela dos Remedios. Esta actuación na Ponte Vella vén sumarse a xa realizada nesta infraestrutura nunha 1ª fase. Esta segunda fase enmárcase no convenio de colaboración asinado pola Xunta e o Concello para seguir impulsando a posta en valor desta zona da cidade.