O Festival Internacional de Cine de Ourense homenaxeará ao director e guionista Luis García Berlanga (València, 1921 - Madrid, 2010) no centenario do seu nacemento. Na 26ª edición do certame ourensán, que terá lugar entre o 24 de setembro e o 2 de outubro de 2021, celebraranse varios actos conmemorativos para lembrar o vínculo que unía ao cineasta co OUFF. Por unha banda, o festival acollerá unha exposición fotográfica rememorando a súa presenza en Ourense durante a celebración da 10ª edición, en novembro de 2005, e ao tempo proxectarase o filme El verdugo, para a crítica quizáis a súa maior altura cinematográfica.
Berlanga e o OUFF
No ano 2005, durante a décima edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, Berlanga recibiu o Premio Memoria Histórica a figuras relevantes do cine español. O director valenciano acudiu a recoller o seu galardón, sendo o último premio honorífico da súa carreira que recibiría persoalmente antes do seu falecemento no ano 2010. A presenza do cineasta en Ourense marcou un fito na historia do festival e, con tal motivo, ofrecerase unha exposición de exteriores recollendo testemuñas gráficas e publicadas daquela súa estadía na cidade das Burgas.
Daquela, a homenaxe consistiu na celebración dunha mesa redonda na súa honra na que participaron Javier Angulo, actual director da Seminci de Valladolid, o director de cine Álex de la Iglesia, a actriz Concha Velasco e o actor Alejo Sauras. A isto engadiuse a proxección de tres das súas películas máis míticas (La Vaquilla, Tamaño Natural e Plácido) así como a publicación dun libro colectivo, La atalaya en la tormenta: el cine de Luis García Berlanga, coordinado polo profesor José Luis Castro de Paz xunto con Julio Pérez Perucha.
Tamén se celebrou unha gala de entrega da estatuíña do Premio Memoria Histórica, un dos máis prestixiosos do OUFF, e que recibiron outros grandes persoeiros do mundo do cinema español como Juan Diego ou José Antonio Nieves Conde, e a título póstumo María Casares, Juan Antonio Bardem ou Camilo José Cela. Na entrega do galardón, celebrada nun ateigado Teatro Principal, viviuse un momento moi emocionante e cheo de lembranzas, no que Berlanga repasou a súa carreira e sentiu o agarimo do público ourensán.
Unha vida de cine
Luis García Berlanga naceu no ano 1921 na cidade de València, no seo dunha familia burguesa. Comezou a estudar Dereito e Filosofía e Letras pero deixouno para graduarse como director de cine no Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas de Madrid, onde coñeceu a Juan Antonio Bardem co que rodou en 1951, Esa pareja feliz. No ano seguinte chegou a sobresaínte Bienvenido Mr. Marshall (con guión de Berlanga, Bardem e Mihura), á que lle seguiron varias longametraxes, entre elas Plácido (1961) -candidata ao Oscar á mellor película estranxeira-, Calabuch (1956), El Verdugo (1963), La Escopeta Nacional (1978), La vaquilla (1984), Todos a la cárcel (1993) ou París-Tombuctú (1999).
Recibiu numerosas distincións como o Premio Príncipe de Asturias das Artes, a Medalla de Oro de las Bellas Artes en 1981 ou o Premio Nacional de Cinematografía. O presente ano 2021, foi declarado polo Ministerio de Cultura, xunto con outras institucións, como Ano Berlanga, coincidindo co centenario do seu nacemento, ao que se suma agora o Ourense Film Festival.