A pista de atletismo de Expourense acolle este sábado, 11 de febreiro, o Campionato de España de atletismo de clubs en pista cuberta na categoría masculina -Copa Joma- e feminina -Copa Iberdrola-.
Participarán nesta competición algúns dos mellores atletas de España que aproveitarán para afinar a súa preparación de fronte ao Campionato de España Absoluto que se celebrará o 18 de febreiro, buscando ademais a clasificación para o Campionato de Europa. Xunto cos preto de 300 deportistas e persoal da organización, espérase que se desprace público de toda a xeografía española para seguir esta competición que, sumado á retransmisión en streaming a través das canles da RFEA, converterá a Pista Cuberta de Atletismo de Galicia en Expourense en capital nacional de atletismo durante a fin de semana.
A competición organizada pola Real Federación Española de Atletismo, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e Sociedade Ximnástica de Pontevedra desenvólvese na tarde do sábado (16,00 - 21,30 horas), sendo as cerimonias de premiados da Copa Iberdrola (feminina) ás 18,20 aproximadamente e a da Copa Joma (masculina) ás 21,05. A asistencia a este campionato é libre e gratuíta ata completar o aforo de Expourense.
Clubs participantes
Copa Iberdrola: Valencia Club Atletismo, Praias de Castelló, Fc Barcelona, At. San Sebastian, Grupoempleo Pamplona Atlético, Avinent Manresa, Trops-Cova de Nerja, Sociedade Gimánstica de Pontevedra.
Copa Joma: Praias de Castelló, Fc Barcelona, Atletismo Numantino, CA Fent Camí Mislata, Trops-Cova de Nerja, Real Sociedade, Unicaja Xaén Paraíso Interior, Sociedade Ximnástica de Pontevedra.