Gabriel Alén subliñou que a provincia de Ourense acollerá 14 novos obradoiros duais de emprego, 89 en Galicia, na convocatoria 2023-2024 que permitirá aos concellos, mancomunidades e organizacións sen ánimo de lucro do sector forestal realizar estas accións. Fixo o anuncio na clausura do obradoiro de emprego ‘Couto Mixto’, levada a cabo esta mañá na Casa da Cultura de Baltar.
O investimento da Xunta de Galicia nestes obradoiros ascenderá a uns 50 millóns de euros, nos cales se inclúe a reserva de case un millón destinado a incentivar a contratación das persoas participantes, unha vez rematada a formación. En total beneficiaranse da presente convocatoria 1.765 persoas desempregadas. Recibirán formación, disporán dun contrato de traballo e percibirán remuneración durante a súa participación nesta actividade, que se estende durante 12 meses. A Xunta subvenciona o 100 % do salario mínimo interprofesional (1.080 euros este ano), así como a totalidade das cotas por cada un dos participantes.
O emprego e a igualdade prioridades do Goberno galego
O delegado territorial da Xunta recalcou que unha das prioridades do Goberno galego é impulsar a formación co gallo de que as persoas desempregadas e traballadoras conten cada vez con maiores e mellores capacidades para acadar un emprego estable e de calidade que conduza ao seu benestar; “unha prioridade que se mantén intacta e que queda reflexada nos novos Orzamentos 24”, sentenciou.
A aposta pola formación para o emprego en igualdade, quedará definida no novo Plan de formación e contratación de mulleres en ocupacións laborais masculinizadas (2,25M€) con axudas dirixidas ás empresas para que desenvolvan accións de formación con compromiso de contratación (7.500 € por traballadora), actuacións de prospección e fomento da participación, así como a contratación laboral efectiva.
Ourense baixou o paro no último ano por encima da medida galega
Outro dos compromisos inequívocos da Xunta é a loita contra a violencia sexual, establecendo medidas que garantan a protección e apoio efectivo ás vítimas e poder acadar a igualdade real entre homes e mulleres que poña fin a esta lacra. Dende esa perspectiva, en 2024 abriranse cinco centros de crise de atención integral 24 horas a vítimas de violencia sexual (ligados ás áreas sanitarias de Santiago de Compostela-Barbanza, Ferrol, Ourense-Verín-O Barco, Vigo e Lugo-Mariña-Monforte.
As estatísticas amosan que na provincia de Ourense baixou o paro no último ano por encima da medida galega, e nos últimos dez anos reduciuse en case a metade, nun 45,88%. Aínda así, a Xunta ten previsto desenvolver Obradoiros de Emprego na totalidade de concellos da provincia de Ourense que se sumaron a esta iniciativa, cun orzamento da Xunta previsto para eles de máis de 13M€ .
Na liña de axudas a emprendedores, crearase un novo polo de emprendemento en Baños de Molgas e reformaranse as oficinas de emprego da Ponte e do Carballiño, cunha partida orzamentaria de 1,4M€. Nos tres polos existentes, Verín, O Carballiño e O Barco de Valdeorras desenvolvéronse 147 proxectos (permanecen en activo 135) empresariais correspondentes a 135 emprendedores de sectores como os servizos, a hostalería e o comercio.
Así mesmo, forneceranse programas de emprego como a Estratexia Retorna Cualifica Retorna que favorecerá o regreso de centos de galegos cun contrato de traballo estable e de calidade; o programa de emprendemento feminino Emega para garantir a igualdade e a autonomía das mulleres que o ano pasado beneficiou a 67 mulleres emprendedoras e permitiu consolidar 115 empregos, ou o caso da colaboración coa Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) coa que vimos traballando xa por sexto ano consecutivo a través dun convenio en materia de igualdade e de loita contra a violencia de xénero (200.000€).
O obradoiro de emprego ‘Couto Mixto’
Gabriel Alén explicou que este Obradoiro, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu 509.987 euros, formou 20 alumnos - traballadores nos módulos de Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas (10) e Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros xardinaría (10).
No concello de Baltar levaron a cabo o arranxo de marquesinas en Boullosa, Meaus, Tosende, San Paio, Gomariz, San Antonino, San Martiño, Montecelo; fixeron a restauración de valados; acometeron a limpezas das fontes de Tixos, San Martiño, Meaus, Gomariz e Sabucedo; levantaron os muros do cemiterio de Tixos e do centro social e axardinaron o entorno capela e cemiterio en Baltar e a área recreativa na Boullosa.
No concello dos Blancos desenvolveron o arranxo das áreas recreativas de Covelas, Mosteiro, Pexeiros, Pexeiroos, Guntín e Cuquexos; acondicionaron o parque infantil con colocación de xogos infantís e limpeza, debruce e arranxo de mobiliario urbano nas áreas recreativas de Aguís, Nóveas, Lourenses e Fontearcada.
No concello de Calvos de Randín fixeron muros de cachotería en Lobás e Serois e xardinaría en Calvos.