Cultura

Ourense, capital da peregrinación xacobea no 2023

A cidade acollerá o 13º Congreso Internacional dos Camiños de Santiago, “o que permitirá visibilizar o labor de apoio e promoción que vimos facendo por unha das rutas internacionais deste camiño como é a Vía da Prata" afirma Baltar.

Óscar Gómez

Ourense | 27.05.2021 09:46

Ourense, capital da peregrinación xacobea no 2023
Ourense, capital da peregrinación xacobea no 2023 | onda cero

A cidade de Ourense converterase no 2023 na capital da peregrinación xacobea con motivo da celebración, do 27 ao 30 de abril, do 13º Congreso Internacional dos Camiños de Santiago, “o que permitirá visibilizar o labor de apoio e promoción que vimos facendo por unha das rutas internacionais deste camiño como é a Vía da Prata, que atravesa 28 concellos da nosa provincia”, destacou o presidente provincial, Manuel Baltar, logo da reunión que hoxe mantivo coa directiva da Asociación Cultural de Amigos da Vía da Prata de Ourense.

Xunto co presidente da asociación, José Luis Rodríguez, os vicepresidentes Eligio Nieto e José Antonio Quintas, e o vocal Óscar Sánchez, o presidente da Deputación analizou os primeiros detalles dunha cita que reunirá a representantes das máis de 300 asociacións xacobeas que existen no mundo “ofrecendo en Ourense un espazo único para poñer en valor un camiño que é o camiño de Europa”. Baltar expresou a súa satisfacción pola oportunidade que a institución provincial vai ter para facer posible este encontro –que este ano se celebra en Madrid- colaborando desde os ámbitos económico e loxístico, “o que significa dar un paso máis poñendo a proba a nosa acreditada capacidade organizativa, como xa fixemos no Congreso Nacional dos Camiños de Santiago”.

Coa colaboración do Consello Económico e Social de Galicia, subliñou, “fomos quen no seu momento de avaliar a repercusión económica, social e turística da Vía da Prata, un traballo que marca unha guía a seguir e que imos tentar cumprir, sempre da man da asociación ourensá, auténtica protagonista da defensa e promoción desta ruta nun labor que para nós é un acicate”.

Nesta liña, Manuel Baltar brindou os seus parabéns á asociación polas actividades que vén realizando, ao tempo que ratificou o compromiso de colaboración adquirido polo goberno provincial “e que no futuro máis inmediato vaise traducir no deseño e impresión de milleiros de manteis coa ruta galega da Vía da Prata, para a súa repartición entre os locais de hostalería situados entre Ourense a Santiago de Compostela”.