Termalismo

Ourense convertese na capital do Termalismo

Desde a organización, a xerente do Inorde, Emma González, adianta a presenza de 250 profesionais e 35 relatores procedentes de 22 países.

Óscar Gómez

Ourense | 26.09.2022 09:47

Ourense convertese na capital do Termalismo
Ourense convertese na capital do Termalismo | Tusdestinos.net

A Deputación de Ourense ultima os preparativos para a celebración do Congreso Internacional de Turismo Termal, que do 27 ao 29 de setembro reunirá en distintos escenarios da capital ourensá a 250 profesionais e 35 relatores para abordar o futuro dos destinos termais sostibles. Un encontro do máis alto nivel organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e co aval da Organización Mundial do Turismo (OMT) e mailo apoio da Xunta de Galicia. Toda unha oportunidade para que expertos de todo o mundo “saiban que Ourense ten respostas para moitos dos retos aos que hoxe ten que facer fronte o termalismo”, asegura o presidente da Deputación e da EHTTA, Manuel Baltar.

Este congreso, destaca Manuel Baltar, permitirá mostrar “un dos nosos aspectos identitarios máis importantes: ser o territorio con maiores posibilidades termais de Europa”. Unha razón de peso “para liderar unha asociación como a EHTTA, que agrupa aos 51 sitios termais máis importantes de 18 nacións europeas”. Así, entre as respostas que Ourense poderá ofrecer ao mundo termal figura “a presentación do proxecto do hotel balneario Auria, que se construirá no Pazo Provincial e que está chamado a ser un emblema do termalismo nacional e europeo”.

Seguro do éxito deste congreso internacional, “do que estou a constatar moitas expectativas”, Manuel Baltar fai un chamamento á sociedade ourensá “para que sexa consciente deste importante momento, que abre unha nova fiestra pola que amosar a nosa gran capacidade organizativa de eventos, non só de carácter nacional senón tamén internacional, e aí están neste mes de setembro a Mobile Week Ourense, agora o Festival Internacional de Cine e tamén nesta semana Termatalia”.

Durante tres días, engade o presidente da Deputación e da EHTTA, Ourense e Galicia converteranse, “por dereito propio”, na capital mundial do termalismo, “grazas ao gran traballo desenvolvido desde a asociación de cidades termais, o Inorde e a propia Deputación”, deseñando un intenso programa de actividades coa presenza de reputados expertos e profesionais que participarán de modo presencial e telemático.

Destinos termais sustentables para o futuro

A xerente do Inorde, Emma González, súmase ao chamamento á sociedade ourensá para significar que este congreso “é un paso moi importante para capitalizar na provincia o intenso traballo promovido por Manuel Baltar a través das redes internacionais que preside e das que participa, en particular nun ano excepcional para Ourense marcado pola chegada do AVE e o Xacobeo”.

Emma González subliña a presenza de 35 relatores dos cinco continentes que participarán nos tres paneis nos que se divide o encontro: patrimonio, turismo e experiencias, “todo baixo o fío condutor dos retos, boas prácticas e oportunidades para desenvolver destinos termais sostibles”. Neste sentido sinala que non só para a Unión Europea, senón tamén para a OMT “a sostibilidade e a dixitalización son dous elementos esenciais, que tamén están presentes nas accións que promoven a Deputación e mailo Inorde”.