Ourense Cidade

O PP de Ourense critica a renuncia de Jácome a estar en Fitur

Os populares definen as críticas do rexedor a esta feira internacional coma unha “torpe cortiña de fume para tratar de ocultar que non quere ir a Fitur porque, sinxelamente, non ten nada que comunicar alí”.

Óscar Gómez

Ourense | 17.01.2023 09:08

O PP de Ourense critica a renuncia de Jácome a estar en Fitur
O PP de Ourense critica a renuncia de Jácome a estar en Fitur | onda cero

O grupo municipal do PP de Ourense cuestiona a renuncia do rexedor a promocionar a cidade esta semana en Fitur 2023. “Este abandono é un novo exemplo da falta de políticas activas do ‘non alcalde’ e volve a evidenciar a absoluta falta de rumbo do seu mandato”, sinalan os populares, que definen as críticas de Jácome a esta feira internacional coma unha “torpe cortiña de fume para tratar de ocultar que non vai a Fitur porque, sinxelamente, non ten nada que comunicar alí”.

Cales poden ser os seus argumentos para ir a contracorrente

Os populares lamentan que, “precisamente agora, cando se cumpre un ano da chegada da Alta Velocidade a Ourense, cando somos o territorio mellor conectado de Galicia, o alcalde volve a abandonar as súas responsabilidades, renunciando a deseñar unha estratexia turística que rendabilice e potencie os novos fluxos turísticos”.

“So a partir dese gran espazo baleiro que representan as políticas de Gonzalo Pérez Jácome pódese ler a ausencia de Ourense en Fitur, unha feira con 90.000 asistentes, representantes públicos e privados procedentes de 130 países e na que estarán presentes o resto de urbes galegas e as catro deputacións, empezando polo goberno provincial de Ourense”, sinalan os populares antes de incidir no “populismo autodestrutivo” de Jácome: “Cales poden ser os seus argumentos para ir a contracorrente e nin sequera aproveitar o espazo cedido pola Xunta de Galicia nunha das feiras de turismo máis importantes do mundo?”.

Galicia en Fitur
Galicia en Fitur | onda cero

O DISCURSO DE JÁCOME SO SERVE PARA AILLAR A OURENSE

“En lugar de construír, Jácome destrúe cun discurso que so serve para aillar a Ourense e obstaculizar a evolución da cidade”, lamentan os populares á vez que se preguntan polas prioridades do alcalde: “Fronte a todas as súas renuncias e dimisións atopamos unhas prioridades políticas baseadas nas festas. Salta do Magosto ao Nadal e do Nadal ao Entroido. Non hai máis”.

“Ourense necesita un cambio de rumbo para retomar o camiño de progreso, impulsado pola segunda gran transformación da cidade que está deseñando Manuel Cabezas e todo o seu equipo”, sinala o grupo municipal do PP. “E fronte a esta realidade de futuro”, completan, “Jácome atópase cada vez máis so, como puido apreciarse no pleno do pasado venres, no que 22 dos 27 concelleiros votaron a favor da moción presentada polo PP pedindo a súa dimisión polo ‘Caso Baltasar” e observan na xestión por parte do alcalde deste último despropósito -situar como Baltasar a un home condenado dúas veces por abusos sexuais- o resumo do seu xeito de entender a política: “Nin recoñece erros, nin da explicacións, nin asume responsabilidades. Aí queda condensado o seu triste perfil”.