O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o alcalde de Santa Rosa de Cabal en Risaralda (Colombia), José Rodrigo Toro, asinaron este mediodía un protocolo de entendemento entre os dous municipios. Neste documento, plasman a vontade das dúas cidades de formalizar a súa relación para fomentar o acordo e o entendemento co fin de intensificar os esforzos comúns, promover o intercambio de experiencias e a execución e actividades comúns.
Trátase dun documento “ben importante de entendemento entre as dúas cidades”, manifestou o alcalde de Santa Rosa de Cabal de Risaralda, “onde se formulan estratexias para o intercambio de saberes e coñecementos e o fortalecemento da nosa industria turística, da arte, da cultura e do deporte, no marco da cooperación internacional”.
Pola súa banda, o alcalde de Ourense, explicou que a sinatura do acordo é unha “win-win situation, que só pode traer beneficios”, polas vías de colaboración entre ambas cidades que abre en ámbitos como o termalismo, ao tratarse de duas cidades con grande riqueza neste recurso. Tamén avanzou a vontade do Concello, na súa condición de capital da provincia, de contribuír á promoción de produtos como o viño das 4 denominacións de orixe ourensás, ou a da cidade de Colombia de promocionar en Ourense un dos seus produtos de calidade, o café, lembrando que Ourense xa é unha das cidades “nas que se serve o mellor café de España”