O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, inaugura un novo parque multixogos na cidade, neste caso no barrio da Cuña. O investimento, de 31.152,24€ euros, permitiu a reconversión da cancha da Cuña nun novo complexo multixogos no barrio para o fomento do deporte ao aire libre. A obra permitiu a remodelación completa do recinto localizado a carón do Centro Sanitario de Atención Primaria, incorporando equipamentos para a práctica deportiva de novos deportes como baloncesto, fútbol sala, voleibol ou hóckey herba.
Esta actuación súmase ás recentemente terminadas no parque da A6, no barrio de Barrocás e no barrio da Ponte, xunto ao centro cívico. Obras que forman parte do plan da Concellería de Medio Ambiente que ten como obxectivo a execución de 10 actuacións no conxunto dos barrios da cidade para o fomento do deporte ao aire libre dos cativos e non tan cativos da cidade.
Jorge Pumar manifesta a súa satisfacción “polo traballo que se está a desenvolver desde a Concellería de Medio Ambiente, e que permitiu nos últimos 50 días poñer ao servizo dos cidadáns 11 parques infantís completamente remodelados, engadíndoselle 3 novos recintos multixogos na cidade, como o que hoxe inauguramos na Cuña”.
As novas instalacións permiten a práctica de deportes como fútbol, baloncesto, entre outros deportes, xa que a instalación conta con equipamento de porterías de 3 por 2 e de taboleiros de baloncesto. A estrutura do conxunto está formado por tramex pletina barilla composta por módulos con tubo pestana, ao que se lle incorpora no seu chan céspede de última xeración para a práctica deportiva con seguridade. O conxunto da instalación conta con elementos antivandálicos para a súa conservación.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, resalta que o seu traballo político céntrase en darlles resposta ás demandas dos veciños de cada barrio da cidade, apostando polo ocio ao aire libre das familias de Ourense.