Ourense e outros 8 municipios únense para reclamar melloras na estrada Nacional 541, vía de competencia estatal que une as localidades de Ourense con Pontevedra e que percorre os termos municipais de Punxín, Maside, O Carballiño, Boborás e Beariz, na provincia de Ourense, e de Forcarei e Cerdedo-Cotobade na de Pontevedra, ademais da propia cidade de Pontevedra, onde remata.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o tenente de alcalde, Armando Ojea, participaron esta mañá no Liceo nunha xuntanza de representantes dos concellos polos que discorre esta estrada, para reclamar actuacións de mellora integral desta vía que permitan garantir a seguridade viaria e reducir a elevada sinistralidade que presenta.
Con esta finalidade, o Goberno municipal proponlle a todos os grupos políticos municipais levar a pleno como moción conxunta ou declaración institucional un acordo de adhesión a estas reivindicacións, que veñen realizando os concellos polos que discorre a vía, agrupados en torno ao denominado Pacto de Pedre. En consecuencia, instar o Goberno de España a que acometa, coa maior urxencia posible, a mellora integral da N-541 na súa totalidade. Tamén se propón solicitarlles aos grupos políticos do Parlamento de Galicia que apoien as súas reivindicacións, demandarlles á Xunta de Galicia e ao Goberno Central o inicio dun estudo para a creación dunha autovía Pontevedra-O Carballiño, con conexión cara a Lalín.
Luis Menor pide unha solución “ambiciosa” ao Goberno central para a N-541
Luis Menor recalcou a importancia da petición unánime dos alcaldes dos municipios afectados de dúas provincias. Sinalou que o tráxico accidente na Noiteboa de 2022, con 7 falecementos, amosou a crudeza da situación de falta de seguridade que ten unha vía que vertebra dúas provincias e une dúas capitais de provincia. “A estrada está igual que hai 30 anos, salvo algún remendo que en nada mudou a situación. A Deputación non pode ser máis que solidaria e reivindicativa cunha petición de aumento da seguridade, pois as mortes non as podemos soportar”, recalcou.
Luis Menor tamén abundou no valor estratéxico que ten esta estrada para o desenvolvemento económico de dous territorios. “Por iso precisamos maior ambición: por suposto, e en primeiro lugar, unha reforma que é máis que necesaria. Pero iso debémolo combinar cunha vía de alta capacidade que una as capitais das provincias de Ourense e Pontevedra. Sería a solución definitiva para vertebrar, solucionando os problemas actuais e dispoñendo dunha conexión sólida e de futuro na que o Goberno central se debe poñer a traballar, polo ben de ambas provincias”.
Jorge Cubela, que falou en nome dos alcaldes firmantes do Pacto de Pedre, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e a sensibilidade do seu presidente, Luis Menor, respecto á súa petición: a mellora integral da N-541. A súa falta de adherencia, situación actual e estado de conservación está provocando unha grave inseguridade para as persoas, con demasiados sinistros de tráfico. E sinalou como necesidade inmediata unha capa de rodadura no seu trazado integral e mellora nos accesos aos núcleos poboacionais.