A cidade de Ourense reunirá esta fin de semana a elite do hóckey sala masculino e feminino coa disputa da “Final 4” do Campionato Absoluto de España, que terá lugar o sábado, 11, pola tarde, e o domingo, 12, pola mañá, no Pazo dos Deportes Paco Paz. Esta mañá, o Pazo Provincial acolleu a presentación deste evento, na que participaron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; o asesor de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira; e o presidente da Federación Galega de Hóckey, Roberto Baratta.
O torneo contará coa participación de 8 equipos, que competirán para gañar o campionato e clasificarse para o Campionato de Europa de 2024. En categoría masculina serán o Sanse Complutense (Madrid), Club de Campo (Madrid), Junior FC (San Cugat, Barcelona) e FC Barcelona. Na categoría feminina participarán o Sanse Complutense (Madrid), Club de Campo (Madrid), UD Taburiente (Gran Canaria) e CD Hóckey La Candelaria Carranque (Málaga). Serán en total máis de 200 deportistas e técnicos os que participen no torneo.
O sábado serán as semifinais (ás 15, 16.30, 18 e 19.30 h) e o domingo os partidos polo terceiro e carto posto (9.30 e 10.45 h) e as finais feminina (12 h) e masculina (13.30 h). O torneo poderá seguirse en streaming durante toda fin de semana pola canle de YouTube da Real Federación Española de Hóckey, e tamén se emitirán partidos a través de Teledeporte e Televisión de Galicia.
O Concello de Ourense colabora nesta iniciativa xa que converterá a cidade en punto de referencia a nivel nacional neste deporte, que conta tamén cunha ampla tradición en Ourense. Será ademais un evento que terá un importante retorno, tanto a nivel económico, coa visita á cidade de moitísimas persoas, tanto deportistas como afecionadas, procedentes de diferentes localidades, ademais de servir como de escaparate para a promoción da cidade.