A cidade de Ourense reunirá esta fin de semana a elite da halterofilia española coa disputa da Copa do Rei e da Copa da Raíña 2022, no Pavillón Municipal dos Remedios. O Concello de Ourense colabora neste evento, que trae a cidade a mellor competición por equipos desta modalidade deportiva. Ata Ourense desprazaranse os 12 mellores equipos de halterofilia, nas categorías masculina e feminina de toda España, que previamente acadaron a s´ñua clasificación a través dun playoff. O sábado, 26 de novembro, desde as 9:00 horas, na cancha central dos Remedios, os levantadores e as levantadoras sumarán quilos e puntos para a clasificación dos seus equipos. Os equipos masculino e feminino de Ourense participarán tamén, aínda que fóra de competición, na súa condición de anfitrións do torneo.
Outro equipo galego, o Club Halterofilia Coruña é un dos favoritos, nun campionato no que tentará revalidar os títulos conseguidos o ano pasado en Oviedo. Na Copa do Rei participarán: Coruña e Ourense (Galicia), Escola Tinerfeña de Halterofilia e Arucas (Canarias), Halter Ejido (Andalucía), Madrid Gymnastic e Aranjuez (Madrid), Gandía (Valencia), Terrassa e Molins de Rei (Cataluña), Anaitasuna (Navarra), Olimpo Fenix (Melilla), e San Fernando (Andalucía)
Na Copa da Raíña: Os equipos A e B da Coruña, e o equipo de Ourense (Galicia), Escola Tinerfeña de Halterofilia (Canarias), Huelva 2013 (Andalucía), Madrid Gymnastic, Aranjuez e Halteromad (Madrid), Terrasa e Molins de Rei (Cataluña), A.D.U.S./C.D.U.S. de Castela León, e Gandía e Valencia (Valencia).