O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na presentación da XXI edición dos Premios Mestre Mateo, que se celebrarán o vindeiro 11 de marzo de 2023 no Auditorio. Durante o acto desta tarde, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, tamén se inaugurou a exposición “Un retrato ben merecido”, promovido pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) ao igual que os propios premios.
Nun acto presentado por Eva Fernández e Rodrigo Vázquez, Manuel Baltar estivo acompañado polo presidente da AGA, Álvaro Pérez Becerra; as directivas da AGA Saamira Ganay e Susana Veira; o director e actor ourensán Tito Asorey; a comisaria e o fotógrafo da exposición “Un retrato ben merecido”, María Yáñez e Aigi Boga, ademais do autor do vídeo de “Témolo ben merecido”, Manuel Silva.
Na súa intervención, Manuel Baltar aplaudiu o traballo realizado nas últimas dos décadas pola Academia Galega do Audiovisual -coa que o goberno provincial mantén unha alianza de cooperación- a prol deste sector: “Comparativa e cualitativamente, os froitos acadados neste tempo son sobresaíntes. Basta ver o recoñecemento co que se observa ao audiovisual galego fora das fronteiras do país. Parabéns”.
Dentro da estratexia de cooperación coa AGA, o presidente da Deputación tamén celebrou que a gala da XXI edición dos Mestre Mateo vaia a celebrarse en Ourense, parafraseando o 'leitmotiv' desta edición dos Mestre Mateo -“Témolo ben merecido”-. “Sen ningunha dúbida, en Ourense temos ben merecido ser a sede desta gala, logo dunha firme aposta que seguiremos reforzando nos próximos tempos”, sinalou Manuel Baltar, apoiándose na “estratexia de captación de rodaxes, que ven de conformar un 2022 histórico con ata seis producións rodándose de xeito simultáneo en Ourense” con tres eixos importantes, como son o OUFF, a Fundación Carlos Velo e a Ourense Film Commission: “Fomos quen de dobrar esforzos nun camiño que xa non ten volta atrás. Seguiremos apoiando a un sector clave na economía galega”.
Exposición “Un retrato ben merecido”
O acto de presentación dos Mestre Mateo comezou co descubrimento dunha escultura cuberta dun gran Mestre Mateo e rematou cunha visita pola exposición “Un retrato ben merecido”, que busca reivindicar o peso específico do sector audiovisual en Galicia a través dos retratos dalgúns dos seus referentes.