Baloncesto

Ourense será escenario da "Xuntanza Minibasket" este mércores 1 Novembro

Preto de 200 deportistas de categoría Minibasket despregarán o seu baloncesto este mércores, 1 de novembro, na cidade das Burgas, grazas ao apoio da Deputación de Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 31.10.2023 08:43

Ourense será escenario para a "Xuntanza Minibasket" este mércores 1 Novembro
Ourense será escenario para a "Xuntanza Minibasket" este mércores 1 Novembro | onda cero

Ourense será a sede da “Xuntanza Minibasket”, evento organizado pola Federación Galega de Baloncesto no marco da súa programación de seguimento deportivo dos xogadores e xogadoras máis novos de toda Galicia.

Coa colaboración da Deputación de Ourense, a área deportiva da Federación Galega de Baloncesto reunirá no Pazo dos Deportes “Paco Paz” a preto de 200 xogadores e xogadoras, que representarán ás sete delegacións zonais federativas, contando ademais cos dous combinados autonómicos con participantes de toda Galicia.

Sen un ánimo estritamente competitivo, despregarán xogo e convivencia sobre as pistas as seleccións masculinas e femininas de A Coruña, Arousa, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo e as denominadas “Galicia 2013”.

A xornada contará cun total de 16 partidos que se estenderán de 09:30 h ata as 20:00 h. Os Seleccionadores Galegos de categoría Minibasket serán testemuña dos mesmos e observarán en directo a evolución deportiva de todos os participantes.

A actividade estará aberta ao público que desexe asistir e animar ao todos os participantes. O calendario de partidos, así como as listas de deportistas convocados para a ocasión, pode consultarse na web oficial da Federación Galega de Baloncesto: www.fegaba.com