Cultura

Ourense transfórmase nunha “personaxe de película” coa rodaxe de O Home e o can

Manuel Baltar visitou ao equipo técnico e artístico en San Cibrao das Viñas, onde se están a gravar algunhas das escenas da película dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña

Óscar Gómez

Ourense | 31.03.2022 10:15

Ourense transfórmase nunha “personaxe de película” coa rodaxe de O Home e o can
Ourense transfórmase nunha “personaxe de película” coa rodaxe de O Home e o can | onda cero

Manuel Baltar, que amosouse “encantado de comprobar in situ este Ourense de cinema”, estivo acompañado no set da película polo propio director e mailo protagonista, ademais das actrices Paula Chaves e Estíbaliz Veiga e o compositor da música, o ourensán Jaime Fernández. Esta rodaxe, dixo Manuel Baltar, “é un exemplo do Ourense ambicioso que ten na produción audiovisual un recurso fantástico para a visibilidade da provincia”.

Para o presidente da Deputación, “as producións audiovisuais permanecen no tempo e permitirán que sigamos vendo un territorio no que, con producións como esta, homenaxeamos a todos aqueles que fixeron historia no cinema galego como Carlos Velo, que hoxe da nome á única fundación audiovisual que existe en Galicia, ademais de ser unha peza clave no Festival de Cine de Ourense que organiza a Deputación”.

O home e o can, ademais das outras longametraxes que se van rodar nas próximas semanas na provincia, “non é unha aposta, senón unha realidade nesta provincia de cinema de alta velocidade”, amplía Manuel Baltar, destacando outras iniciativas máis como a alianza coa Academia Galega do Audiovisual, a celebración dos premios Mestre Mateo en Ourense no 2023 ou a 27 edición do Festival de Cine, subliñando a Ourense Film Commission “que vimos de presentar e que como ente único en Galicia vai ter moito que ver coas rodaxes que seguiremos a promover”.

Un proxecto especial

O director Ángel de la Cruz expresou ao seu agradecemento a Manuel Baltar polo apoio da Deputación a esta produción, que tamén conta coa colaboración da Televisión de Galicia, cuxa representante, Montse Besada -xefa de contidos do ente autonómico-, tamén estaba esta mañá na visita en San Cibrao das Viñas xunto a José Montero, responsable da produtora da película, Ézaro Films. Ángel Cruz recoñeceu o gran esforzo do equipo técnico e artístico para sacar adiante “un proxecto especial no que levamos tempo traballando”, definindo esta película como unha homenaxe ao neorrealismo -vaise gravar integramente en branco e negro- “onde Ourense e as súas rúas van ter unha participación especial ao ser un personaxe máis da película”. Unhas palabras ás que se sumou o protagonista, Manuel Manquiña, subliñando “a moita axuda”, e o apoio, coa que están a contar para esta produción.

O home e o can é un drama que conta unha historia emotiva, entrañable, e ata con momentos de humor, sobre a soidade dos maiores, o avellentamento da poboación e o abandono do rural, con escenarios nun pequeno pobo de San Cristovo de Cea, localización onde se inicia e remata a historia, e unha vintena de lugares seleccionados da capital ademais das escenas rodadas no polígono de San Cibrao das Viñas.