Ourense é unha cidade segura
Os datos revelan que Ourense é unha “cidade segura para vivir” así o poñen de manifesto os informes policiais
Os datos revelan que Ourense é unha “cidade segura para vivir”. Así o poñen de manifesto os informes policiais que se achegaron hoxe durante a reunión da Xunta de Seguridade que se celebrou na Subdelegación do Goberno, e que estivo presidida polo subdelegado, Emilio González, e polo tenente de alcalde do Concello de Ourense, Jorge Pumar, e na que tamén participou a concelleira de Seguridade, María Fernández Dibuja.
Un balance de xestión dos últimos seis meses que, para o tenente de alcalde, pon de manifesto “a diminución da delincuencia e dos casos de violencia de xénero”, e incidir con “unhas porcentaxes moi altas que converten a nosa cidade nunha das máis seguras” debido ao traballo realizado polas forzas de seguridade do Estado e da Policía Local.
Na reunión tamén se falou sobre as obras de rehabilitación da Praza de Abastos debido á existencia de okupas na súa contorna. O propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, trasladáralle unha comunicación ao subdelegado sobre a necesidade de abordar de forma conxunta este problema. Cuestionado por Pumar e Dibuja sobre o asunto, propiciouse un acordo de colaboración entre todas as administracións, Concello, Xunta e Estado.
Un terceiro tema relevante foi o relacionado coa violencia de xénero, en concreto co convenio de colaboración VIOGEN. Logo de manter varias reunións, concrétase que o Concello de Ourense continuará establecendo medidas, tanto no que se refire a recursos económicos como de persoal, dentro do que establece o convenio subscrito.