A cidade de Ourense albergará de novo o próximo ano 2024 o Campionato de España Absoluto de Atletismo en pista cuberta, que se desenvolverá do día 16 ao 18 de febreiro en Expourense. Así o anunciou este mediodía a Federación Galega de Atletismo, logo de que a xunta directiva da Real Federación Española de Atletismo aprobase a elección da pista de Ourense como sede da próxima edición do torneo absoluto.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome valorou moi positivamente a noticia: “a Real Federación Española de Atletismo atendeu a nosa petición e escolleu a máxica pista de Expourense, por terceira vez na súa curta historia, para acoller a categoría máxima do campionato nacional en pista cuberta”. A proposta de Ourense como sede foi canalizada xunto á Federación Galega de Atletismo, a Deputación Provincial de Ourense e a Xunta de Galicia.
O rexedor subliñou que o campionato desprazará á nosa cidade máis de 2.000 persoas, entre atletas, persoal técnico, familiares, e persoas afecionadas a este deporte, que “encherán durante esa fin de semana a hostelería ourensá”, amais de proporcionarlle á cidade “unha repercusión mediática considerable en medios nacionais”.
Pérez Jácome manifestou tamén que “quedan atrás as críticas, alá por 2016, cando Democracia Ourensana presentou unha moción plenaria para pedir a construción dunha pista de atletismo en Expourense e reconverter o seu uso, xa que a viabilidade como recinto exclusivamente feiral tiñan os días contados. O PSOE e os antecesores municipais do BNG (Ourense en Común) non só non apoiaron a iniciativa senón que se burlaron dela. Mofa que tamén cometeron, inicialmente contra DO, algúns técnicos, algúns políticos do PP e sempre, a prensa escrita”.