O PSdeG-PSOE de Ourense presentou algunhas das medidas que inclúe o seu programa electoral para a rehabilitación e recuperación do casco histórico e o acceso da mocidade a vivendas dignas nunha rolda de prensa que contou co aspirante á alcaldía, Paco Rodríguez, e os integrantes da candidatura Alba Iglesias e Alfonso Pavón.
Este último, número cinco da lista do partido para a cidade nas vindeiras eleccións do 28 de maio, comezou enfatizando a importancia de adherir o casco histórico ao Plan Rexurbe da Xunta de Galicia para poder levar a cabo unha rehabilitación en profundidade –a curto e longo prazo– dos edificios que se atopan nesa área. Isto permitiría ter acceso a fondos estatais, autonómicos e da Unión Europea. “Unha vez quede oficialmente declarado, poderemos iniciar o plan de dinamización para fomentar no só a instalación de veciños, senón tamén de máis negocios e autónomos”, afirmou o licenciado en Arquitectura.
Segundo amosan os datos, a zona vella ten o 50% das vivendas valeiras e o 10% das edificacións están declaradas en ruina. “Despois de tantos anos de abandono cómpre unha urxente, realista e efectiva política que nos permita acadar, no 2027, un parque público de 400 vivendas emprazadas no centro da cidade”, explicou ante os medios de comunicación.
Ao fío das propostas anteriormente expostas, a secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense, Alba Iglesias, destacou unha iniciativa na que tanto o grupo municipal como a xente moza do PSdeG-PSOE da cidade levan traballando varios anos. ”Temos unha batería de medidas referidas tanto a emancipación como ao acceso á vivenda, xa desde as anteriores eleccións locais, que decidimos volver a incorporar a este programa porque, como non podía ser doutra forma, está todo por facer”, criticou ante a inacción do actual goberno de Gonzalo Pérez Jácome neste eido.
Entre os pasos a seguir, no caso de acadar os socialistas a alcaldía, subliñou como “primordial” a creación e promoción das “bolsas de alugueiro municipais a prezos sociais para garantir o dereito á vivenda digna” puidendo facilitar a emancipación. Así mesmo, remarcou que é “fundamental” o acceso á información sobre vivendas dispoñibles e “que existan tarifas de auga, luz ou gas reducidas” e axustadas ás persoas con menos recursos e aos estudantes.
Na liña das iniciativas transversais que está a presentar o PSdeG-PSOE para a cidade –que den resposta a máis dun problema á vez– a secretaria xeral de XX.SS. afirmou que o perfil da mocidade é un dos que máis se axusta ás condicións do casco histórico no caso de conseguir rehabilitar as vivendas. “Moitos edificios non teñen ascensores e arquitectónicamente tampouco se poderían instalar. Non hai aparcamentos nin moitos garaxes, polo que non é unha zona propicia para os que contan con vehículo, e os supermercados atópanse a certa distancia”, argumentou ante os medios.
Finalizaron as súas intervencións concordando en que o Plan de Reactivación do Casco Histórico de Ourense debe ser, ao mesmo tempo, un acicate para o acceso á vivenda da mocidade a través dunha colaboración institucional conxunta da Administración autonómica e local.