O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ourense, Paco Rodríguez, vén de ofrecer unha conferencia de prensa aos medios de comunicación na que estableceu como máxima prioridade do seu programa electoral para as eleccións municipais do 28 de maio a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento “destinado a resolver os problemas urbanísticos desta cidade nos próximos trinta anos” que precisa dun “gran pacto social e político”, salientou o exalcalde da cidade.
sacar adiante o Plan de Xeral de Ordenación Municipal
Na súa comparecencia no novo espazo socialista da rúa Progreso, acompañado dos números 2, 3 e 5 da súa lista -Natalia González, Alfonso Pavón e José Ángel Barquero-, Rodríguez salientou que unha cidade “só se pode construír mediante un pacto entre os diferentes” polo que “se acadamos a confianza dos cidadáns en maio, mobilizaremos e actualizaremos todos proxectos que quedaron en pausa nestes oito anos de parálise municipal”, poñendo especial esforzo en “sacar adiante o Plan de Xeral de Ordenación Municipal”. Así as cousas, o candidato á Alcaldía do PSdeG-PSOE de Ourense asegurou que “existe unha base sólida para impulsar o plan partindo do documento aprobado no ano 2013”, un documento que precisa ser “actualizado”, adaptándoo ás previsións actualizadas en construción residencial, equipamento e infraestruturas, así coma á nova lexislación xurdida nestes últimos anos.
O proxecto estrela: A Estación Intermodal
Rodríguez tamén informou da decisión dos socialistas de recuperar o proxecto estrela do último goberno socialista, consistente na integración urbana do Complexo Intermodal: “anúnciolles que non renuncio a recuperar aquel gran proxecto da Intermodal, aínda estamos a tempo de intentalo”. “Por fortuna, a inacción de quen gobernou a cidade nos últimos oito anos provocou que non se fixera nada que sexa irreversible, polo que aínda temos a oportunidade de construír un complexo ferroviario que non divida senón que integre a cidade cunha nova e moderna centralidade urbana nun dos barrios máis senlleiros de Ourense”.
Plan de vivenda protexida
Por outra banda, Rodríguez salientou a importancia de darlle prioridade a cuestións que hoxe en día son “moito máis sensibles e urxentes ca hai 10 anos”, tales coma a transición enerxética ou a sustentabilidade ambiental, e puxo o foco no “gran reto” que representa a adaptación residencial ás necesidades das persoas maiores e o acceso a unha vivenda digna por parte das persoas de entre 18 e 36 anos. “Se en maio a cidadanía de Ourense me dá a oportunidade de gobernar, un dos grandes proxectos que impulsaremos será unha empresa pública de vivenda, instando a un gran pacto para fixar un marco de colaboración cos operadores públicos, sociais e privados e así desenvolver unha política estable de vivenda protexida”, adiantou. “Nese plan, exploraremos todas as posibilidades residenciais para persoas mozas que poida ofrecer o noso casco histórico, que está materialmente caendo”, lamentou.
Unha cidade moderna, sustentable e conectada
A respecto do resto das liñas de acción para a aprobación do Plan Xeral, Rodríguez avogou por unha cidade “moderna” que debe desenvolverse por un modelo de cidade “compacta e continua, con crecemento sustentable, planificación de conxunto e calidade urbanística”.
O uso racional e sustentable dos recursos, a protección da paisaxe e do patrimonio natural e construído, ademais do uso non expansivo do territorios son outras das liñas mestras que destacou Rodríguez, na súa aposta por un proxecto “ancorado no desenvolvemento do público, pero compatible coa necesaria achega privada á construción da cidade”.
O socialista defendeu que o documento inicialmente aprobado en 2013 “constitúe unha boa base para a ordenación das ribeiras dos ríos, a recuperación e rehabilitación do patrimonio a partir do Plan Especial do Centro Histórico, o BIC das Burgas, o Plan Especial da Universidade –no que os socialistas non renuncian ao soterramento da Avenida Otero Pedrayo– ou a Finca Mariñamansa”, onde Rodríguez destacou que “existe unha gran bolsa de chan verde para vivenda protexida”. Por último, destacou a mellora da mobilidade, coa conexión eficiente da cidade cos polígonos industriais, e o desenvolvemento de chan industrial.