O candidato socialista á alcaldía de Ourense, Paco Rodríguez, vén de presentar a candidatura do PSdeG-PSOE para as eleccións do vindeiro 28 de maio, unha lista formada por 15 persoas “con vocación de servizo, compromiso coa cidade e ilusión” para pór fin a oito longos anos de “esperpento” e “anomalía democrática”.
“Considero que é un equipo de persoas que configuran un relevo tranquilo e sereno, algo que nos permite abordar o futuro con expectativas de éxito”, asegurou Rodríguez, quen salientou que a candidatura nace da confianza depositada en “persoas cunha ampla traxectoria, formadas e con vocación de servizo e compromiso con esta cidade”, un aspecto clave para o exalcalde, quen agradeceu aos presentes “formar parte dunha candidatura nun momento político coma o actual”.
“A situación que vivimos neste momento é tan esperpéntica que non merece dedicarlle nin un minuto”, lamentou Rodríguez. “Este grupo de persoas, ademais de compromiso e vocación, temos ilusión e esperanza, algo fundamental para acometer o gran cambio que Ourense precisa”, subliñou.
O socialista destacou que, logo de que esta lista fora ratificada polo Comité Electoral Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e o Comité Nacional do PSdeG-PSOE, só queda un último paso para súa aprobación definitiva, a ratificación por parte do Comité Federal, unha cita que terá lugar o vindeiro 18 de marzo.
Paco Rodríguez tamén anunciou que esta mesma semana empezarán a tarefa de “achegar o programa de goberno á cidadanía”, posto que “para gobernar é preciso ter o programa e ter as persoas que o van desenvolver”.
“En resumo, imos ver se somos quen de convencer con propostas firmes e realistas aos nosos cidadáns e cidadás, e tamén trasladarlles que temos os mimbres necesarios, que son estes homes e mulleres que me acompañan esta mañá para facer realidade ese cambio tan necesario e imprescindible”, concluíu.
“Remendos letais”
No almorzo informativo cos medios de comunicación para a presentación do seu equipo, o exalcalde da cidade aproveitou para facer un chamamento a todas as forzas políticas de Ourense e instalas a “asumir conxuntamente unha responsabilidade de respecto cara á cidade e cara á cidadanía”.
As e os socialistas censuran que Baltar reserve só “remendos letais” para a cidade e esixen que o presidente provincial do Partido Popular aclare se estaría disposto a volver “sacrificar a cidade para continuar á fronte da Deputación”, algo que xa aconteceu hai 4 anos, cando os populares se converteron no bastón de Jácome para manterse na alcaldía.
“Algunha explicación deberían darlle Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijóo á cidade de Ourense por estes catro anos de espectáculo do malo”, esixen, ao tempo que reclaman coñecer se os populares están dispostos a reeditar o “pacto da vergoña” para manterse á fronte da Deputación Provincial.
Candidatura de Paco Rodríguez
A lista socialista para as eleccións municipais de maio de 2023 está conformada polos seguintes homes e mulleres, na orde indicada a continuación:
Paco Rodríguez
Natalia González
José Ángel Barquero
María Fernández
Alfonso Pavón
Cristina Cruz
Carlos Montero
Alba Iglesias
Manuel Freire
Olalla Meiriño
Manuel Codeso
Rosa Rodríguez
José Ángel Carrera
Sabela de la Fuente
José Ramón Fernández