Infraestructuras

O Parlamento galego require o arranxo da estrada N-540 entre Lugo e Ourense

Raquel Arias lamentou que “as intervencións realizadas nos últimos meses, ademais de escasas, son remendos incapaces de eliminar as fochancas nin garantir o bo estado do firme”.

Raquel Arias lembrou que a N-540 “é a única estrada que existe na actualidade para unir as cidades de Lugo e Ourense, as únicas capitais de provincia galegas sen conexión por autovía ou autoestrada, e cunha conexión ferroviaria obsoleta e sen frecuencias”.

Óscar Gómez

Ourense | 10.09.2021 11:57

O Parlamento galego require o arranxo da estrada N-540 entre Lugo e Ourense
O Parlamento galego require o arranxo da estrada N-540 entre Lugo e Ourense | onda cero

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do PSdeG, a través da que se require ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o arranxo integral e urxente das estradas da súa competencia en Galicia, nomeadamente da N-540 que comunica Lugo e Ourense. A deputada popular Raquel Arias lamentou que “as intervencións de mantemento realizadas nos últimos meses nesta estrada, ademais de escasas, son meros remendos incapaces de eliminar fochancas nin garantir o bo estado do firme”.

RECORTES DO GOBERNO CENTRAL

“O estado da N-540 é preocupante en todo o trazado, pero especialmente calamitoso no tramo que discorre pola provincia de Lugo”, sinalou a deputada popular, quen apuntou que esta situación “é consecuencia directa do recorte aplicado polo Goberno de España á partida orzamentaria dedicada a infraestruturas en Galicia”. “Pero no caso da N-540 é dobremente sangrante, xa que o Goberno de Pedro Sánchez eliminou os 20 millóns de

euros que o Goberno do PP tiña orzamentados para a reparación desta estrada”, incidiu.

Arias lembrou que o Goberno central recoñeceu o pasado mes de xuño a situación límite da N-540 no Senado e ten anunciado novos investimentos nesta estrada, “pero sen concretar prazos nin orzamento”. “A día de hoxe, non hai un só treito en obras e só está licitado o treito de Guntín, pero nin está adxudicado, nin as obras poderán estar en marcha ata, como mínimo, dentro dun ano”, manifestou.

A deputada popular tamén se referiu a outras vías de comunicación da provincia de Lugo, como a A-56 “que, 18 anos despois da súa planificación, só ten en servizo o tramo A Barrela-San Martiño”. Ademais, incidiu que o PPdeG “está absolutamente en contra dunha solución 2+1 para esta estrada, en coincidencia co manifestado polos empresarios, os alcaldes e as asociacións veciñais”.

Raquel Arias tamén lamentou o “ritmo lento de execución” da A-54 entre Santiago e Lugo, así como da A-76 entre Ourense, Monforte e Ponferrada, que “neste momento é pouco máis que unha liña debuxada no mapa”.

CONTRASTE COA XUNTA DE GALICIA

Fronte a este abandono por parte do Goberno de España, Arias salientou “o esforzo que está a facer a Xunta para mellorar a rede viaria da provincia de Lugo” e puxo de exemplo que os orzamentos para o 2021 recollen un investimento de máis de 34 millóns de euros para estas actuacións. En concreto, referiuse ás obras que se están a realizar na autovía Lugo-Sarria ou os reforzos do firme en estradas como a CG-2.1 entre Monforte e o Alto do Faro; a LU-533, entre Chantada e EScairón; a LU-653, entre A Pobra de Brollón e O Incio; a LU-170, entre Xermade e Cabreiros; e outras moitas.