Empleo

O paro descende en Galicia a cifra máis baixa nun mes de decembro

Descenso mensual e anual das cifras tanto nas catro provincias, as sete cidades como entre os colectivos con maiores dificultades para atopar traballo, o número de persoas afiliadas incrementouse respecto de decembro de 2021 en 9.479.

Óscar Gómez

Ourense | 03.01.2023 12:01

O paro descende en Ourense no mes de abril
O paro descende en Galicia a cifra máis baixa nun mes de decembro | onda cero

A comunidade galega despediu 2022 cun total de 142.222 persoas desempregadas en decembro, a cifra máis baixa de toda a serie histórica (1996) para este mes. A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, puxo en valor hoxe o descenso do paro en colectivos prioritarios como o de menores de 30 ou mulleres, que se anotan o mellor dato en 17 anos, desde que se conta con rexistros oficiais.

Respecto de decembro de 2021 contabilizáronse 10.362 (-6,79%) galegas e galegos menos en situación de desemprego. Nun ano caeu o paro nas catro provincias galegas e nas sete cidades. Tamén en todos os sectores de actividade, liderando a baixa o Primario (-16,03%) e a Industria (-11,50%), destacou Lado.

A Xunta quere seguir en 2023 a “captar e reter talento” e a identificar actividades con potencial que poidan a seguir a impulsar o crecemento socioeconómico de Galicia, dixo a directora xeral, quen chamou a atención sobre o comportamento do paro rexistrado dos colectivos prioritarios. Lembrou que a cifra actual de desemprego entre os menores de 30 anos e entre as mulleres “son as máis baixas da serie histórica para un mes de decembro” e que tamén, nos parados de longa duración se anotou un descenso de -8,77%.

Na evolución mensual, Lado apuntou a baixa do desemprego este decembro, con respecto a novembro de 2022, nas catro provincias e nos sete grandes concellos e tamén entre os colectivos con maiores dificultades para encontrar traballo.

En canto ás afiliacións, Galicia mantén a cifra por enriba do millóns de persoas ata quedar situada en 1.042.263, cun crecemento respecto de decembro de 2021 do 0,92% que supón un total de 9.479 traballadoras e traballadores.

Lado lembrou que o emprego seguirá a ser prioridade para a Xunta neste 2023. Subliñou o peso que o eido laboral terá na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 que estima facilitar o regreso duns 30.000 galegos do exterior. No marco da mesma, dixo, destinaranse 175 millóns de euros a impulsar o seu emprendemento, a formación e a colocación. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade xa iniciou os traballos co Diálogo Social e avoga pola colaboración público-privada para artellar solucións para dar cobertura ás vacantes existentes en determinados sectores de actividade, declarou.

Para conseguir un mercado laboral máis interconectado, formado e dinámico, especificou Lado, o Goberno galego estenderá ao 100% do territorio a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego durante 2023, ano no que quedara conformada por 12 centros repartidos por toda a xeografía.

“Non esquecemos tampouco a ampla representatividade do traballo autónomo na comunidade”, especificou Lado, quen anunciou que o Diario Oficial de Galicia publicará mañá mesmo o novo programa Impacto Autónomo con axudas directas (por 30M€) de ata 1.500 euros para apoiar a estes profesionais afectados pola suba dos custos enerxéticos e das materias primas que precisan.