Pazolandia reabrirá as súas portas do 26 de decembro ao 4 de xaneiro, transformando o Pazo dos Deportes Paco Paz “no maior parque de atraccións de Galicia”, afirmou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante a visita que realizou esta mañá aos traballos de montaxe, acompañado polo coordinador do parque, José Domarco, e o director do Paco Paz, Alberto González.
Manuel Baltar expresou a súa satisfacción pola reapertura de Pazolandia logo de dous anos sen actividade como consecuencia da pandemia, destacando que “por fin volveremos a recibir a nenas e nenos de toda a provincia, coa visita xa reservada de 60 concellos, o que nos permite avanzar que esta edición será todo un éxito”.
O presidente do goberno provincial agradeceu “a entrega e compromiso” do persoal que traballará ao longo dos próximos nove días nun evento que alcanza a súa 26 edición, “aínda que xa cumprimos 28 anos de actividade, convertendo o Paco Paz nun lugar de referencia para menores, mocidade e familias”.
José Domarco explicou as novidades que inclúe a presente edición de Pazolandia, entre as que figura a estrea da que será a mascota oficial: Pacito. A tecnoloxía tamén terá o seu particular protagonismo cunha zona de simuladores de movemento e realidade virtual, ademais de habilitar en todo o recinto unha rede rede wifi á que se accederá mediante o escaneo dun código QR.
Outra das novidades deste ano é a incorporación do popular xogo Escape Room, cunha sala perfectamente equipada para que os participantes resolvan os enigmas que lles permitan saír deste espazo. Mentres, no pavillón auxiliar do Paco Paz estará situada a zona “Peque-Nenos”, especialmente deseñada para os menores de ata 3 anos, con atraccións e actividades adaptadas á súa idade. No exterior do recinto amplíase a oferta de actividades cunha atracción de gran tamaño, O Barco, de movemento oscilante e que alcanza unha gran altura.
José Domarco tamén destacou a invitación cursada a 11 asociacións e colectivos sociais e xuvenís da provincia para que os seus beneficiarios poidan gozar das actividades programadas.
Entradas no portelo e a través de internet
As entradas para Pazolandia poderán mercarse tanto no portelo do recinto como a través de internet no enderezo electrónico www.pazolandia.es. O prezo será de 5 euros por persoa, un euro menos -4- no caso dos menores e mocidade que se acheguen ata o Paco Paz en viaxes organizados polos concellos. Toda as novidades do parque poderán seguirse a través das contas oficiais en redes sociais.
Con dúas sesións diarias, de 11.00 a 14.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00 horas pola tarde, Pazolandia permanecerá aberta durante nove días, agás o 31 de decembro durante toda a xornada, e o 1 de xaneiro pola mañá.