O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo hoxe as obras da Variante Exterior de Ourense como o mellor exemplo de como o Goberno de Pedro Sánchez actúa, con obras e investimentos, para recuperar o tempo perdido na alta velocidade en Galicia. “Somos o Goberno que trouxo o AVE a Galicia e somos o Goberno que está mellorando as infraestruturas asociadas a esta liña”, sinalou, ao tempo que lembrou que foi o Goberno de Pedro Sánchez o que está a impulsar a renovación das estacións de tren das principais cidades galegas, entre elas a de Ourense, que está en contratación, e o que está a dar os pasos necesarios para modernizar a rede ferroviaria galega e adaptala ás novas esixencias da Alta Velocidade.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, acompañado do director xeral de Construción de Adif, Juan Pablo Villanueva, supervisou este mércores as obras dos dous primeiros tramos da Variante Exterior de Ourense, que supoñen un investimento de 125,5 millóns de euros. En concreto, o delegado comprobou o avance do túnel de Rante e do viaduto sobre o Río Barbaña e a Nacional 525, que son as infraestruturas máis significativas desta nova liña, de case 8 quilómetros de lonxitude en dobre vía. Tamén avanzou que a entrada en servizo destes dous tramos terá un efecto inmediato no tempo de viaxe, que se reducirá en 4 minutos.
Pedro Blanco explicou que os proxectos do resto de tramos da variante atópanse en revisión para adaptalos ás novas normativas de seguridade e aos prezos actuais e garantir que a contratación teña as máximas garantías.
Descrición das obras
A nova infraestrutura prolongará a plataforma de alta velocidade a partir de Taboadela (con dobre vía electrificada en ancho estándar), substituíndo e mellorando os parámetros do trazado actual de acceso a Ourense ata Seixalbo, o que beneficiará ás conexións ferroviarias entre Galicia e o centro peninsular. Así, reducirá os tempos de viaxe e incrementará a capacidade e regularidade da liña, ao dispoñer de dobre vía.
Tramo Taboadela-Túnel de Rante (5,6 km)
Discorre polos termos municipais de Taboadela e San Cibrao das Viñas. O túnel de Rante é a obra máis importante do tramo: trátase dun túnel monotubo para vía dobre, de 3.410 m de lonxitude (o 61% do total do tramo) e 85 m2 de sección.
Dada a súa lonxitude prevense tres saídas intermedias de emerxencia mediante galerías transversais de 185, 463 e 322 m, con saída directa ao exterior, permitindo a conexión das mesmas coa rede viaria existente e a disposición de áreas de socorro e rescate cunha superficie mínima de 500 m2.
Ademais, o tramo inclúe os viadutos sobre o río Mesón de Calvos (387 m), o regueiro de San Benito (108 m) e o río Taboadela (24,5 m).
A día de hoxe atópanse en execución as cimentacións do viaduto de Mesón de Calvos e avánzase na escavación e sostemento desde as bocas sur e norte do Túnel de Rante, así como da galería transversal nº 2, que se empregará tamén como galería de ataque intermedio, permitindo a apertura de dúas novas frontes de escavación no túnel e optimizando os tempos de execución.
Xa se realizaron desmontes, rozas e retirada de terra vexetal da traza, a estrutura do viaduto de Taboadela, e os emboquilles e camiños de acceso ás dúas bocas do Túnel de Rante e da súa galería de emerxencia nº2.
Tramo Túnel de Rante-Conexión Seixalbo (2,2 km)
Discorre polos termos municipais de San Cibrao das Viñas e Ourense, resolvendo o paso da LAV na contorna de Seixalbo, en paralelo ao actual corredor ferroviario da liña Zamora-Ourense na medida do posible, co fin de minimizar a afección á contorna.
Ao comezo do tramo execútase un viaduto de 356 m de lonxitude para salvar o cruzamento coa estrada N-525 e o río Barbaña, aumentando o confort ao establecerse unhas condicións óptimas de rodadura e trazado. A nova plataforma discorrerá por encima do túnel de Aspera (153,9 m de lonxitude), da liña convencional Zamora-Ourense.
Un viaduto de tres vanos (54 m) salvará a estrada OU-105 e a reposición do Camiño de Santiago / Vía da Prata. Outro viaduto, neste caso dun só vano de 30 m, solucionará o cruzamento a distinto nivel coa futura estrada Bemposta – N-525.
O tramo conclúe uns 100 m antes do túnel de Corruxeiras existente na vía Zamora-Ourense. Os traballos incluirán ademais a construción dun paso inferior de camiño, así como as reposicións de servidume e servizos afectados. Actualmente trabállase no viaduto sobre a estrada N-525 e o río Barbaña (executado por encima do 75%), no reforzo do paso sobre o túnel de Aspera e na construción dos viadutos sobre as estradas de Bemposta e OU-105.
Ademais, realízanse movementos de terras, desmontes, terrapléns, a canalización do río Seixalbo baixo a LAV e a liña convencional, e a reposición de servizos afectados na zona de Santa Águeda. Como elementos de interese xa executados cabe destacar dous pasos inferiores para o cruzamento do Camiño de Santiago.
Financiamento europeo
Esta actuación conta con financiamento europeo a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.