O piragüismo galego iniciará a súa tempada no Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, coa celebración do Campionato de Inverno, que o sábado día 26 reunirá nesta lámina de auga a un total de 521 deportistas. A proba foi presentada esta mañá nas instalacións do parque náutico coa presenza do vicepresidente da Deputación e representante para a cooperación cos concellos do Ribeiro, César Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o xefe de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o presidente e mailo delegado para Ourense da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea e José Manuel Fernández; e o presidente do club fluvial Avión-Castrelo de Miño, Pedro Andrés.
A competición, que se iniciará ás dez da mañá e prolongarase durante o día, disputarase nun circuíto de 5.000 metros de lonxitude. Os 521 deportistas inscritos -363 homes e 128 mulleres pertencentes a 39 clubs galegos- participarán na modalidade de embarcación individual e nas categorías senior, sub23, junior, veterano e paracanoe, tanto masculino como feminino.
O vicepresidente César Fernández, destacou “o apoio constante e firme da Deputación de Ourense cara os deportes náuticos, nunha clara estratexia que ten como finalidade aproveitar a gran calidade das nosas láminas de auga para potenciar tamén un ecosistema de turismo deportivo”. O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, agradeceu pola súa banda o apoio da institución provincial “que está a permitir que este sexa, sen xénero de dúbida, o Parque Náutico de Galicia, cos beneficios que elo implica tamén para toda a comarca do Ribeiro”. Entre tanto, o delegado en Ourense da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández, destacou “o importante número de inscricións para participar nun campionato que abre a nosa tempada e que vai ter en Castrelo de Miño un dos seus principais escenarios”.