“O Goberno local de Ourense pode escudarse en que a Xunta ten a competencia de control da fauna salvaxe, ou pode tentar pór solucións reais para acabar con este grave problema que afecta á veciñanza ourensá”, resaltou o concelleiro Wilson Jones, quen fixo fincapé na necesidade de que as administracións local e autonómica “cheguen a acordos” para atallar os múltiples problemas de saúde e seguridade que a presenza incontrolada dos súidos está a provocar.
“Uns por outros e a casa sen varrer”, lamentou Jones. “As medidas que se están a adoptar en todo o Estado tómanas os Concellos, como é o caso de Barcelona, onde foi a alcaldesa quen impulsou un plan de choque en conxunto coa Generalitat” abundou o edil socialista. “Se a Xunta non chama á súa porta, chame vostede”, exhortou Jones.
Entre as medidas que reclaman os socialistas a través da moción están a identificación dos roteiros polos que transitan estes animais para detectar os puntos de acceso á cidade; o control da efectiva limpeza e roza das leiras do perímetro rural para evitar que os xabarís se asenten nestes terreos ou o control dos puntos de depósito e recollida de residuos orgánicos para evitar que as familias de xabarís teñan neles un lugar de fácil obtención de comida.
Eliminación da simboloxía franquista
O grupo socialista tamén obtivo o respaldo unánime do plenario para que o Concello retire a simboloxía e nomenclatura franquista da cidade en cumprimento da Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática. Particularmente, as e os socialistas reclaman a supresión e retirada da simboloxía da Falanxe nas fachadas de numerosos edificios do barrio de Covadonga e avogan polo cambio de nome das prazas Alférez Provisional e Eugenio Montes, ademais da resignificación da estatua do ‘Anxo Caído’, de Francisco Asorey, unha imaxe localizada no Parque de San Lázaro que “enxalza os caídos do bando sublevado”, unha cuestión “antidemocrática” que require “un esforzo de pedagoxía”, segundo defendeu o socialista Rafa Villarino.
“Edificar a democracia é unha permanente necesidade. Calquera símbolo que distorsione a calidade da nosa democracia debe resignificarse. Vamos máis alá dunha obriga legal; trátase dun convencemento profundo daqueles que nos consideramos demócratas”, asegurou.
Villarino tamén defendeu a necesidade dun censo municipal de elementos contrarios á Lei de Memoria Democrática, que inclúa, por exemplo, “a gran placa da fachada da praza do Polvorín entre xugo e frechas e o emblema do sindicato vertical franquista, as placas con similar simboloxía nos barrios da Cuña e do Couto”, entre outros.
Unanimidade na mellora dos CIM
Tamén recibiu o apoio unánime do pleno a iniciativa coa que o grupo socialista insta á Xunta de Galicia a resolver as eivas e atender as necesidades de mellora da rede de Centros de Información á Muller (CIM) mediante o establecemento dun novo marco estrutural e económico, que se debateu en conxunto coas iniciativas do BNG e do PP co gallo do 8M.
Neste sentido, a voceira socialista, Natalia González, destacou que “debe haber un consenso político na loita na defensa dos dereitos das mulleres en igualdade non só o 8 de marzo, senón todos os días do ano”, polo que instou á corporación a “ir todos a unha, apartando as siglas e coordinándonos co movemento feminista na rúa”.
Así mesmo, a socialista amosou unha fotografía da roda de prensa do Concello de Ourense para a presentación da aplicación MOUbil, reprobando a exclusiva participación de varios enxeñeiros homes do Departamento de Innovación Tecnolóxica do Concello. “Preséntase unha aplicación móbil do Concello e non temos nin unha soa muller”, lamentou a socialista. “Cómpre reflexionar sobre as falsas ou inexistentes políticas de xénero do alcalde Jácome”, concluíu.