A Policía Local interveu o último día do ano rescatando e liberando unha muller que se atopaba retida na casa da súa ex parella, onde requisou unha machada de grandes dimensións.
A centraliña da policía recibiu unha chamada anónima dunha muller suplicando axuda, pero soamente consegue achegar a rúa na que se atopa. Tras unha certeira e inmediata intervención, os axentes conseguen localizar a muller, que se atopaba retida contra a súa vontade no domicilio da súa ex parella desde hai días, sufrindo ameazas e agresións.
Os axentes requisaron no lugar dos feitos unha machada de grandes dimensións. A operación finalizou co home detido e a muller auxiliada e posta á disposición dos medios municipais destinados ás vítimas da violencia de xénero.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, quere felicitar os axentes pola intervención que posibilitou auxiliar e liberar esta muller, e lembra que “a Policía Local de Ourense está especialmente vixiante e concienciada coas políticas e directrices desde a área social”, da que tamén é responsable, “especialmente en materia de violencia de xénero”.