Ourense Cidade

Pontón “Con Luís Seara Ourense volverá ter no Concello un aliado para que a cidade avance”

A líder do BNG denunciou que nin o Goberno do PP nin o de Ourense fosen capaces de deseñar unha estratexia para aproveitar a chegada do AVE.

Óscar Gómez

Ourense | 10.02.2023 07:49

Pontón “Con Luís Seara Ourense volverá ter no Concello un aliado para que a cidade avance”
Pontón “Con Luís Seara Ourense volverá ter no Concello un aliado para que a cidade avance” | onda cero

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o proxecto empresarial “Esmorga”, unha fábrica de cervexa referente no desenvolvemento industrial innovador en Ourense, visita na que estivo acompañada por Luís Seara, candidato á alcaldía da cidade.

A líder do BNG citou esta empresa como “un exemplo do modelo económico que defende para Galiza, baseado nun tecido de PEMES potente, competitivas, innovadoras, capaces de crear emprego, de fixar poboación no territorio e capaces de xerar oportunidades no País”. Proxectos innovadores que demostran que outra Galiza é posible, alternativa á que está deixando o Goberno do PP, con datos como un IPC por debaixo da media do Estado mentres a inflación está por riba.

Outro exemplo de que non se aproveita todo o potencial está na chegada do AVE. Neste sentido, denunciou que “nin o Goberno do Partido Popular na Xunta nin o Concello de Ourense foron capaces de deseñar unha estratexia para aproveitar a chegada do AVE”, facendo visible tamén que “falta estratexia que permita novos nichos de negocio e detectar novas oportunidades de futuro”.

A portavoz do BNG destacou a importancia dun goberno galego capaz de liderar un cambio de rumbo, pero tamén a importancia que teñen neste ámbito os gobernos municipais. “Necesitamos un proxecto de País e gobernos municipais que aposten por cidades que sexan elementos de dinamización económica, como o que defende o BNG para Ourense”, indicou.

Neste sentido engadiu que “con Luís Seara ao fronte da cidade, Ourense volverá ter no seu concello un aliado capaz de ser motor de progreso para recuperar o dinamismo económico, capaz de estar ao carón das empresas, capaz de atraer investimento e, sobre todo, de protagonizar un cambio que se materialice en avance a través dun proxecto sólido e solvente, que representa o BNG e que se dá nos concellos nos que goberna”.

Visita de Ana Potón a Ourense
Visita de Ana Potón a Ourense | onda cero

Propostas do BNG para a mellora de Ourense

Pontón destacou que “un goberno do BNG na cidade favorecerá novos proxectos empresariais, potenciará políticas activas de emprego e facilitará a o emprendemento e posta en marcha de proxectos innovadores”. Ademais tamén amosou a intención do BNG de apostar por un modelo de turismo sustentable e por sacar adiante todo o potencial creativo e cultural da cidade.

Pola súa parte, o candidato Luís Seara declarou ver o futuro con esperanza e estar listo para liderar “unha nova etapa na industrialización de Ourense, que virá da man da aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal para deseñar a cidade do futuro e que marque as condición para que as persoas que queiran investir na cidade poidan facelo”.

Tamén quixo descatar o papel dos sectores da hostelería e o comercio da cidade, que “xeran riqueza, crean emprego e dinamizan os nosos barrios” sen esquecerse de que “Ourense ten todo para convertirse nun referente de turismo sustentable que aposte polo coidado pola natureza, a paisaxe, o medio ambiente e a cultura”.

Pontón alertou da necesidade de ter un goberno en Ourense que sexa capaz de iniciar “un cambio de rumbo” e reiterou a idea de que un goberno do BNG liderado por Luís Seara “traballará para que Ourense recupere o orgullo de cidade, pero tamén pulso e capacidade industrial coa finalidade de xerar máis oportunidades”.