Gobernabilidade

Pontón pon ó goberno de Allariz como exemplo da capacidade do BNG

Allariz como exemplo de bo facer, un exemplo de xestión e un exemplo de capacidade para transformar en positivo vilas e cidades mellorando a vida das persoas.

Óscar Gómez

Ourense | 01.06.2022 08:05

Pontón pon ó goberno de Allariz como exemplo da capacidade do BNG
Pontón pon ó goberno de Allariz como exemplo da capacidade do BNG | Ana Pontón

“Allariz é a proba de que cando hai un goberno que ten proxecto, que ten ideas e que traballa man a man coa veciñanza e cos sectores máis dinámicos é posible reverter as tendencias, incluso as máis negativas, como a crise demográfica que impacta na provincia de Ourense, unha das máis envellecidas do Estado despois de que nos últimos se perderan máis de 30.000 habitantes, nun proceso de despoboamento que se acelera”, explicou a líder nacionalista, quen trasladou o seu orgullo de que un goberno municipal do BNG demostrase en Allariz que é posible mudar a tendencia de perda de poboación e darlle futuro os concellos do interior. De feito, Allariz medrou en poboación grazas a atracción que supón a calidade de vida, a calidade de servizos e tamén a vitalidade económica que ofrece o concello.

a proba de que hai outra Galiza posible

“Temos aquí exemplos de como se pode aproveitar a riqueza do monte con proxectos sustentable e innovadores; iniciativas como a da festa do boi que actúa como revulsivo económico, o certame internacional de xardíns, -o segundo de maior prestixio no Estado-, ou o exemplo de como dinamizar un casco vello a través dun modelo de comercio local e de proximidade capaz de xerar emprego, tamén con propostas que favorecen a integración social”.

O goberno do BNG en Allariz, -destacou-, “é a proba de que hai outra Galiza posible, en contraste cun PP que, tanto desde a Xunta como desde a Deputación, demostran a súa incapacidade para frear o declive demográfico da provincia de Ourense, o único que vemos é o uso partidista e caciquil dos fondos públicos provoca que se perdan oportunidades”.

Ana Pontón en Allariz
Ana Pontón en Allariz | onda cero

Por contra, o executivo local alaricano representa xusto o contrario, “é democracia, transparencia, iniciativas de futuro e un exemplo da capacidade do BNG para construír unha Galiza mellor tamén desde os concellos, nos que esta vila é un espello e unha referencia”.

Tras o encontro co grupo de goberno municipal, Pontón, acompañada do deputado por Ourense, Iago Tabarés, mantivo unha xuntanza cunha ampla representación do tecido empresarial local e comarcal, onde abordaron a situación económica, condicionada por unha escalada de prezos que sitúa a inflación en niveis que non se lembraban en 38 anos, espiral inflacionista que está impactando de cheo nos sectores produtivos e nas PEMES, ademais de empobrecer á maioría social.

Neste sentido, a líder do Bloque explicou algunhas das propostas da formación nacionalista para paliar a crise de prezos, en concreto, un plan para mobilizar 700 M€ dos orzamentos da Xunta e destinalos a axudas directas ós sectores máis afectados pola subida da enerxía e dos carburantes, en particular as pequenas e medianas empresas deses sectores, tendo en conta que é o tecido de PEMES ás que xeran o groso dos postos de traballo.

A líder do BNG completará a xornada de traballo en Ourense cunha visita ao centro comarcal de Lodoselo, no concello de Sarreaus, desde onde se desprazará o municipio de Xinzo de Limia, no que a portavoz nacional participará nun acto aberto á cidadanía.