Ourense Cidade

O popular cantante urbano Omar Montes actuará no Nadal de Ourense o 16 de Decembro

O artista é un dos máximos expoñentes do flamenco urbano e un dos máis exitosos nos últimos anos, con 15 discos de platino e millóns de seguidores en redes sociais.

Óscar Gómez

Ourense | 15.11.2022 08:05

Omar Montes se convierte en modelo de Ágatha Ruiz de la Prada
Omar Montes se convierte en modelo de Ágatha Ruiz de la Prada | Gtresonline

O popular cantante Omar Montes ofrecerá un concerto en Ourense o día 16 de decembro. Será un dos moitos atractivos que prepara o Concello para a programación de actividades do Nadal 2022. A actuación será ás 22:30h no Pavillón dos Remedios, coincidindo coa inauguración do Poboado de Nadal que instalará o Concello na cidade durante as festas. As entradas, a un prezo de 12 euros, xa están á venda na web de Ataquilla.

O concerto servirá de presentación do gran festival de música urbana “OURBANO”, que organizará o Concello os días 29 e 30 de abril de 2023, que converterá Ourense no escenario de referencia a nivel estatal da música urbana. O Concello avanza así na súa aposta por este estilo musical, logo da excelente acollida dos concertos de artistas como Morad e Mikael Delacalle.

O madrileño Omar Montes é un dos máis populares creadores da nova escena trap e da vanguarda urbana en España, e un dos artistas españois con máis éxito dos últimos anos. Omar continúa coa tradición que comezou a finais da década dos anos 70 de fusionar o flamenco con ritmos afroamericanos e, coa súa particular forma de entender a música, converteuse nun dos máximos expoñentes do novo “flamenco urbano”fusionando trap, hip hop, EDM, reggae e reggaeton con flamenco.

A comezos de 2019 lanzou o seu primero álbum, La Vida Mártir, logo do éxito acadado coas súas anteriores cancións e videoclips. Tamén ese ano viviu unha explosión de popularidade mediática a través das súas aparicións en televisión, resultando gañador do programa Supervivientes 2019. En 2020 consolidouse como un dos artistas urbanos españois máis influentes, acadando grandes éxitos en moitas das cancións nas que colabora. A súa traxectoria continúa en liña ascendente, con moitos proxectos, novos retos e iniciando o seu desenvolvemento internacional. Ten 15 discos de platino e conta con máis de 5,5 millóns de oíntes mensuais en Spotify e 1,4 millóns de seguidores en Instagram e 763.000 seguidores en YouTube.