Cooperación

Posta en valor do castelo de Monterrei

A institución provincial e a Axencia de Turismo de Galicia renovaron o convenio anual co Concello de Monterrei para cofinanciar a limpeza, conservación e mantemento do castelo

Óscar Gómez

Ourense | 09.05.2022 08:04

Posta en valor do castelo de Monterrei
Posta en valor do castelo de Monterrei | onda cero

A Deputación ven de reforzar o seu compromiso co castelo de Monterrei tras renovar, un ano máis, o convenio coa Xunta de Galicia -a través da Axencia de Turismo de Galicia- e o Concello de Monterrei para a limpeza, conservación e mantemento desta xoia patrimonial da provincia de Ourense. O orzamento para os traballos alcanza 60.000 euros, dos que a Deputación achega 40.000 euros e a Axencia de Turismo de Galicia, 20.000 euros.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, asinou esta semana o convenio no Pazo Provincial durante unha reunión co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, na que tamén se avanzaron en novas liñas de colaboración.

O rexedor sinalou o seu agradecemento á Deputación: “Un ano máis, temos que agradecer o compromiso da Deputación para renovar este convenio. Para nós é vital ter o castelo en perfecto estado, e no Concello non temos recursos suficientes para afrontar estes traballos. Por iso este convenio é fundamental, a través del garantimos que a nosa gran xoia estea sempre perfecta para os visitantes, coa axuda da Deputación e da Xunta”. José Luis Suárez resalta a vontade de cooperación de Manuel Baltar: “O seu compromiso é férreo. Sempre está aí, axudando e colaborando”.

Este convenio de colaboración entre Deputación, Xunta e Concello ten como obxectivo a “posta en valor do Castelo de Monterrei”, a través do “mantemento periódico para a control do vexetación, a eliminación da maleza dos arredores da fortaleza e a recollida do lixo. Actuacións que se estenderán a elementos de interese situados no exterior do recinto amurallado como son a fonte o contorno do forte da Atalaia”. O acordo pretende reforzar a imaxe do Concello de Monterrei como destino cultural e artístico, “o que incrementará de maneira directa o fluxo turístico, propiciando repercusións económicas favorables para a comarca, e Galicia”.