Vitivinícula

Os Premios D.O. Ribeiro capturan a esencia da rica tradición vinícola da rexión

A gala celebrarase o 27 de xuño, ás 19.00 horas, no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, co lema ‘Ribeiro: Brindando futuro’.

Óscar Gómez

Ourense |

Os Premios D.O. Ribeiro capturan a esencia da rica tradición vinícola da rexión
Os Premios D.O. Ribeiro capturan a esencia da rica tradición vinícola da rexión | onda cero

A unha semana da celebración da gala de entrega dos Premios D.O. Ribeiro, prevista para o día 27 de xuño, a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro lembrou que a gala de entrega de premios dará comezo ás 19.00 horas, no mesmo escenario que na pasada edición, o restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, e terá como lema Ribeiro: Brindando futuro, un lema que “captura a esencia do que representa o Ribeiro, facendo unha ponte entre o pasado e o futuro, e destacando a súa dedicación para ofrecer produtos de excelencia” e que reflicte “a rica tradición vinícola da rexión de Ribeiro, o seu compromiso coa calidade e a innovación, e a súa visión de futuro que se enfoca na sustentabilidade e a expansión global”.

Sobre os novos premiados, Concha Iglesias explicou que “este ano o Premio Vida entre Vides é para a Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro, unha asociación adscrita á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO) coa que comparte obxectivos, como promover a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento das mulleres rurais en todos os ámbitos e mellorar o seu benestar social e calidade de vida no medio rural”.

Iglesias sinalou que este galardón pretende “recoñecer o importante traballo que desempeña este colectivo no Ribeiro”, destacando a necesidade de visibilizalo como un motor económico, xa que “as mulleres do rural son esenciais para xerar riqueza no territorio e diversificar a economía”, ademais de facer fincapé na importancia de renovar e dotar ao rural de novas oportunidades.

Con respecto ao Premio Ribeiro en Nós, a presidenta da CRDO afirmou que “se entregará á Asociación Galega de Enoloxía, unha asociación profesional sen ánimo de lucro creada en 2002 que agrupa a todo o colectivo profesional dedicado á vitivinicultura, técnicos e enólogos” e da que destacou “o seu importante papel cara ás tarefas de dignificación e promoción da profesión”.