AVE Galicia

Presas denuncia novos recortes do servizo do tren Avant en Ourense

Esiximos a rectificación inmediata porque é indecente que coa escusa da COVID se afonde no desmantelamento do tren nesta cidade” alega Noa Presas

Óscar Gómez

Ourense |

Avant Ourense | La Voz de Galicia

O BNG, a través da deputada por Ourense Noa Presas, denuncia novos recortes no avant que realiza o percorrido Ourense-Santiago-A Coruña que supón unha nova volta de torca na discriminación da cidadanía da cidade das Burgas á hora de poder desprazarse por tren. “Esiximos unha rectificación inmediata e consideramos indecente que onte mesmo o Parlamento veña de reclamar a restitución de todos os servizos suprimidos durante a pandemia e hoxe a realidade vai na dirección contraria”, alegou a deputada.

“Se no mes de setembro denunciabamos a supresión do avant que saía ás 6:45 de Ourense con parada en Santiago de Compostela e A Coruña e que facilitaba que centros de estudantes e traballadores e traballadoras acudiran ao seu posto de traballo, no momento de asinar esta iniciativa vimos de coñecer novas mudanzas que son absolutamente intolerábeis e que afectan a ambos os dous sentidos da circulación”, salienta Presas na iniciativa rexistrada xa no Parlamento para tratar este asunto. Por exemplo, compróbase como na última semana de outubro xa se suprime o tren avant que saía ás 11:40 que da Coruña con parada en Santiago de Compostela e saída ás 12:10 cara Ourense.

Así mesmo, suprímese o tren que saía ás 15:30 os venres de Santiago e que axudaba a cubrir a sobredemanda que ese día da semana ocasionaba o aumento de estudantes. Por outra banda, múdanse diferentes horarios. Por exemplo, o tren que saía ás 12:10 de Ourense adiántase ás 11:45, reducindo o espazo entre o primeiro tren do día e os trens da tarde. Tamén se adianta o tren das 18:00 ás 17:05, deixando sen servizo até ás 20:00.

O tren que saía ás 16:30 da Coruña con parada en Santiago e saída de novo ás 17:00 pasa ás 15:30 e 16:00 respectivamente. Isto supón un atranco en materia de oferta horaria para moitas persoas que estudan ou traballan e non van poder acompasar ese adianto. Así mesmo, adiántase o último tren de regreso, de forma que vai acontecer o mesmo, pois o tren que saía ás 20:00 da Coruña e despois ás 20:30 de Santiago adiántase 20 minutos.

“Nesta cuestión chove sobre mollado e obsérvase como o único criterio seguido polo goberno central, RENFE e ADIF é o da conexión de Galiza con Madrid para dar servizo aos trens e horarios de saída, pero nunca á conexión interna. Isto é inadmisible cando ademais esta é unha liña estratéxica para conectar un amplo abano de comarcas de Ourense e do sur de Lugo co eixo atlántico, cando os informes de REFE indican aumento de pasaxeiros e cando ten o recoñecemento de obriga de servizo público”, explica Presas.

Desde hai anos o goberno central, antes co PP e agora co PSOE, mantén unha política de baleirado de servizos ferroviarios e en lugar de mellorar as conexións entre as poboacións se camiña na dirección dos recortes e do desmantelamento, de horarios e servizos, ao que se suma o peche de estacións e a privatización doutros servizos.

“Estas son as consecuencias dun modelo de transporte ferroviario centralista, no lugar de primar a conexión interior de Galiza, que carece hoxe dun tren de proximidade como si ten Catalunya ou Cantabria. E son tamén as consecuencias da progresiva privatización dun servizo que debe ser público e axudar ao desenvolvemento económico dunhas comarcas empobrecidas e con graves problemas de fixación de poboación como as ourensás”, conclúe Presas.