Presas propón un Plan de Reindustralización en Ourense para fixar emprego e empresas
A candidata do BNG reúnese co comité de empresa de Autoneum para avaliar a situación ocasionada pola COVID-19 no sector da automoción
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo un encontro co comité da empresa ruesa Autoneum para coñecer de primeira man a situación do sector da automoción. Presas entende que o sector da automoción está chamado a “reforzarse, reiventarse e a ser unha das estratexias claras que precisa a provincia de Ourense” para a súa reindustrialización a partir do 12X. Desde a formación nacionalista adiantaron o seu compromiso de apostar por destinar fondos públicos para a fixación de emprego e a localización de empresas nesta provincia.
A organización nacionalista reuniuse co comité de empresa de automoción instalada no Concello da Rúa para coñecer de primeira man a situación pola que atravesan as traballadoras e traballadores do sector ante a COVID-19. A candidata do BNG por Ourense para os vindeiros comicios ao Parlamento de Galiza sinalou que Ourense ten un papel destacado nas empresas auxiliares e o sector da automoción representa o 14% do PIB galego.
Presas destacou que a necesidade de abrir un Plan de reindustralización na provincia de Ourense e mantivo o compromiso de apostar por “destinar fondos públicos para a fixación de emprego e a localización de empresas en Ourense”. Así mesmo, a candidata do BNG reforzou a idea propoñendo liñas de apoio relacionadas co I+D+I e co valor engadido.
Por outra banda, Presas tamén explicou que é prioritario un Plan de Ordenación Industrial para activar a produción en Ourense. “Non é de recibo que na zona de Pontevedra teñamos coñecemento de empresas con matrices galegas, se instalen no norte de Portugal porque aquí non atopan chan industrial tendo en Ourense con polígonos enteiros inzados de toxos” criticou a candidata nacionalista.
Así mesmo, Presas sinalou que “hai que pular por políticas de atracción de empresas e aproveitar todo o capital de formación e experiencia que existe en Ourense para que sexamos capaces de adaptarnos, innovar e atraer sobre todo en momento de incertidume e cambio coma estes” alegou sinalando o cambio de combustible e as posíbeis políticas proteccionistas que se puideran tomar por parte das grandes empresas.
“Hai que centrarse nas propostas en positivo e ligándoo ao noso compromiso coa mellora das condicións laborais do sector” indicou Noa Presas. Lembrou que a anterior crise de 2008 foi superada a base de recortes nos dereitos das e dos traballadores coa sucesivas Reformas Laborais propulsadas polos gobernos estatais do PSOE e PP. “Esta crise non a poden pagar as mesmas” sinalou.
A Lei de Implantación Empresarial de 2017 non deu resposta ao proceso de deslocalización das empresas
Estímase que na última década instaláronse no norte de Portugal máis de 300 empresas galegas segundo un estudo do Clube Financeiro xa do 2016. No mesmo informe sinalábase a desigual situación do chan industrial ou que “Las empresas gallegas llegan a ocupar, en los casos más intensos, hasta el 50% de los parques empresariales lusos”
De forma especial, cómpre sinalar os efectos da deslocalización sobre a industria da automoción e as súas auxiliares, nomeadamente provedoras de PSA. Entre estas empresas podemos citar: Borgwarner, Serilusa, Valver, Safe Bag, Safe Life, Grupo Antonlín, Cablerías Manufacturing, Dalphimetal, Gestamp, CIE Automotive, etc.
Para o BNG as políticas da Xunta nestes anos estiveron mal enfocadas. O mellor exemplo é mirar a Portugal: Recentemente o CES publicaba o seu informe anual respecto de 2018 e apuntaba o seguinte: “cómpre salientar a distinta importancia relativa dos sectores económicos en Galicia e o Norte de Portugal en termos de poboación ocupada. Segundo os datos de Eurostat, mentres que Galicia rexistra unha maior importancia relativa da ocupación no sector servizos, acollendo o 71,7% das persoas ocupadas fronte ao 61,4% no norte de Portugal, nesta última rexión o peso relativo da poboación ocupada no sector industrial é case once puntos superior ao rexistrado en Galicia: o 28,2% e o 17,4%, respectivamente.”
A organización nacionalista ve alarmante que dentro da mesma euro rexión e compartindo problemas estruturais semellantes haxa indicadores importantes nos que Portugal avanza e Galiza retrocede.