Ata o vindeiro venres preto de 8.000 alumnos e docentes da provincia participarán na 7ª Semana Escolar das Letras Galegas, iniciativa que se inscribe nos actos organizados pola Deputación de Ourense para conmemorar os cen anos da aparición do primeiro número da revista Nós, aniversario que se cumpriu no 2020 pero cuxa celebración ten continuidade neste ano como consecuencia da pandemia.
A presente edición da Semana Escolar tivo unha extraordinaria acollida, coa inscrición de 59 centros de Educación Secundaria nos que 278 docentes dirixirán as actividades deseñadas para 7.678 alumnos. Xunto cun cartel para facer visible a actividade nos centros e unha guía do profesorado con propostas e orientacións a realizar nas aulas, editouse un libro ilustrado baixo o título Ao redor da Xeración Nós. Catro ourensáns e un rianxeiro, escrito por Mercedes Pacheco utilizando unha linguaxe e criterios axeitados para o alumnado da ESO, publicación que foi presentada hoxe por videoconferencia coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e a autora do texto.
O volume recolle unha ampla visión do que foi o movemento Nós no contexto histórico do seu tempo, incluíndo unha descrición da Galicia de principios do século XX, as biografías dos principais intelectuais que promoveron este movemento, a traxectoria da revista na que deron a coñecer os seus pensamentos, e unha recolleita doutros movementos e personaxes que seguiron os pasos da Xeración Nós, cunha especial atención ás mulleres escritoras e intelectuais da época.